O Instituto de Estudos Miñoranos e a Concellería de Cultura do Concello de Gondomar organizan o acto de presentación do poemario de ANXO ANGUEIRA Fóra do sagrado (Xerais, 2007) que terá lugar o venres 18 de abril de 2007 ás 20:30h. no AUDITORIO MUNICIPAL “Lois Tobío”
Fóra do sagrado de Anxo Angueira, é un poemario constituído por un único poema que ten como fondo un canto a Vigo, ó Vigo real, fóra do sagrado, un lugar de extramuros. Un retrato centrado na fisionomía e na deformidade da cidade, que na poética de Angueira se converte nunha beleza mergullada na memoria, nun canto enque as cores grises e metalúrxicas da cidade aparecen espidas de artificios. E Vigo, co seu mar e o seu monte, coas parroquias e aldeas, é aquí capital cultural, literaria e política. Unha cidade cosmopolita onde conviven as morruncheiras do Berbés cos cabalos do monte de Marcosende, as dornas da ría e os transatlánticos literarios.
A súa presentación é un acto poético-musical e plástico no que Anxo Angueira recita acompañado da guitarra e das cancións de Leo e Arremecághona e da percusión de Aser Álvarez sobre un enorme mural do Xoán Carlos e Xosé Luís de Dios no que estes representan unha imaxe do Berbés.
O acto será presentado polo subdirector do IEM Xosé Lois Vilar Pedreira.
Máis información en http://gl.wikipedia.org/wiki/Anxo_Angueirahttp://bvg.udc.es/ficha_autor.jsp?id=AnxAngue&alias=Anxo+Angueira