Sábado, 18 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Día do libro en Gondomar

Día do libro en Gondomar

Correo-e Imprimir PDF
Antonio Arauxo e Concha Costas durante a presentación do acto
Hoxe mércores 23 de abril, Día Internacional do Libro, Espazo Lectura e o Concello de Gondomar presentarán un acto para celebrar o día do libro lendo. Baixo o lema de "Dar de ler coma quen dá de beber", 30 persoas lerán en voz alta na Biblioteca Pública fragmentos de libros que elas mesmas escolleron para recomendar e compartir con todos os asistentes a este acto.

A rolda de lecturas será presentada por Concha Costas e Bieito Legaspi, membros da directiva de Espazo Lectura, e o primeiro texto será lido polo alcalde de Gondomar, Antonio Araúxo. Ao longo do acto, leranse fragmentos das obras de Álvaro Cunqueiro, Teresa Moure, Celso Emilio Ferreiro, Anxos Sumai, Rosa Aneiros, Manuel Rivas, Eduardo Galeano, Cándido Pazó, Xosé María Álvarez Blázquez, Lupe Gómez, Carlos Casares, Julio Cortázar, etc.

O acto, que se celebrará ás 20:00 horas do 23 de abril, enmárcase dentro da Semana do Libro, recentemente presentada por Éspazo Lectura, que remata a próxima fin de semana coa celebración da sesión do club de lectura compartida Lendo Contigo e a representación de "O merlo branco" a cargo de Talía Teatro.

Esta actividade (Dar de ler coma quen dá de beber) é unha das accións lectoras que o colectivo Espazo Lectura leva a cabo en datas sinaladas co ánimo de sensibilizar a cidadanía na importancia da lectura como referente de benestar social e desenvolvemento dos individuos e das comunidades. Espazo Lectura aposta especialmente nas súas accións por crear espazos e tempos para a lectura e por facer desta un lugar de encontro.

Consultar programa completo 

Para máis información: http://espazolectura.blogspot.com