Sábado, 18 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Editouse Periferia de Iolanda Zúñiga. Premio Xerais de novela 2010.

Editouse Periferia de Iolanda Zúñiga. Premio Xerais de novela 2010.

Correo-e Imprimir PDF
periferia-xerais

Luciana e Brown unen os seus destinos, marcados polo amor, o narcotráfico e a violencia, nos límites dunha das favelas de Sao Paulo. Alí na periferia desordenada da megalópole transcorre esta historia, escrita ao ritmo do rap, na que se esculcan os ingredientes da vida urbana no século XXI.

Periferia e o título de novo libro da escritora viguesa Iolanda Zúñiga, gañadora do Premio Xerais de Novela 2010. A Editorial Xerais leva tamén publicado o seu primeiro libro de relatos Vidas post-it (2007), que foi reeditado.

Iolanda Zúñiga (1975) non só escribe, tamén incursiona pola música dende os sete anos: zanfonista, mestra de educación musical, e integrante do grupo Murmel-bruxas de música para nenos. Na actualidade traballa nun restaurante vexetariano de Vigo. A vida desta creadora parece estar sempre condicionada por este tríptico, pois cando escribiu Vidas post-it, traballaba para un local de comida rápida.

Presentación de Periferia por a Editorial Xerais.

O xurado do Premio Xerais 2010 no ditame que elaborou sobre Periferia, a novela de Iolanda Zúñiga que resultou gañadora, sinalou que «partir dun argumento moi sinxelo e botando man dun sutil fío narrativo, a autoría deste texto creou un universo narrativo contundente, denso, moderno e actualísimo co que se atreveu a construír unha novela do século XXI, ano 2010, poñendo cargas de dinamita nos piares da nosa propia concepción do que debe ser unha novela.»

Novela polifónica, con constantes referencias á cultura popular, á cultura de masas, á música, aos medios, á publicidade, ao cine, ao fútbol, está tecida cunha mestura de textos tipicamente postmoderna. A xuízo do xurado, «Periferia constitúe unha achega necesaria á renovación da narrativa galega a través dunha concepción potente e nítida de cal debe ser unha forma de narrar para o tempo actual. Un relato compacto, tamén mesto, extenso e verdadeiramente fascinante, cun enorme poder de seducción.»

Datos do libro

Título: Periferia

Autora: Iolanda Zúñiga

Editorial: Xerais

Premio: Xerais de Novela 2010

ISBN: 978-84-9914-170-1

Páxinas: 504

Edición: acartonada

Data: outubro 2010

PVP: 22 euros (3.660 ptas.)