Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura A propósito de Enrique Conde. Unha ducia de construcións en madeira.

A propósito de Enrique Conde. Unha ducia de construcións en madeira.

Correo-e Imprimir PDF
peza

Despois de procurar as imaxes convencionais do artista para a reportaxe de prensa, o novo e inexperto fotógrafo dispúxose a facer tomas dalgunha da ducia de pezas que compoñen esta doceava exposición na Aula de Cultura Ponte de Rosas, en Gondomar. Diante da obra de maior tamaño da mostra, tan grande que foi montada in situ coa axuda de torniquetes, o fotógrafo estivo un anaco observándoa e buscando o mellor ángulo. Entón, como froito dunha inspiración repentina, agachouse e fotografou a peza. E Enrique Conde, abraiado, exclamou polo baixiño: Ozu!

Aínda que algo ten, mirándoo conducir con autoridade e orgullo a súa colorida tribo, Enrique non é un patriarca xitano. Concibira a obra, Espazo Ozu, como unha homenaxe ao cineasta xaponés Yasuxiro Ozu, que, a mediados do século pasado, decidira colocar a cámara, o seu ollo, sobre un trípode de 90 cm e filmar segundo o punto de vista dunha persoa sobre o tatami. Podemos dicir que o fotógrafo, instintivamente e sen coñecer o título, virase obrigado, pola peza, a escoller esa peculiar perspectiva.

Cito a anécdota, que sucedeu o día previo á inauguración e coa exposición montada parcialmente, xa que me parece significativa para comprender as inquedanzas, teimas e preocupacións que o artista ensaia no seu traballo. Desde o espazo desaloxado por un rotundo volume (Vilar, madeira de chopo, 2010) ata o espazo acoutado por unhas mínimas e fráxiles madeiras tinguidas, a obra de Enrique Conde, de claras resonancias oteizianas, (e fundamental escoller ben aos mestres), é unha continua e sutil experimentación coas posibilidades e modulacións do espazo, sempre desde unha escala radicalmente humana. Esa humanidade e rebeldía esenciais que o cidadán Enrique, fértil produtor de poesía, consagra na vida diaria, impregna todo achegamento sensible á súa obra. E, como comunicación superior que é, recíbese intuitivamente. Así, queremos pensar, o percibiu o inexperto fotografo que, sen pretender entender nada, foi arrastrado a unha exacta comprensión da peza da que nin sequera foi plenamente consciente.

Aula de Cultura Ponte de Rosas

Gondomar

Ata o 21 de xaneiro de 2011.