Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Convocatoria para participar no IV Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns.

Convocatoria para participar no IV Premio de Poesía Victoriano Taibo – ELM de Morgadáns.

Correo-e Imprimir PDF
Cartel-IV-Premio-Victoriano-Taibo

O Instituto de Estudos Miñoranos e a Entidade Local de Morgadáns convocan o IV Premio de Poesía Victoriano Taibo – Entidade Local de Morgadáns ao que poderá concorrer calquera autor que envíe, antes do 30 de xullo de 2011, ao enderezo Apartado 30, 36380, Gondomar, un libro de poemas escritos en galego cunha extensión mínima de 300 versos. O premio está dotado con 3.000 €, unha peza escultórica do artista miñorán Fino Lorenzo, creada especialmente para este certame, e a publicación da obra premiada na colección Victoriano Taibo do IEM; o galardón será entregado nun acto cultural que se celebrará no edificio das Escolas de Guillufe (Morgadáns) na 2ª semana de novembro do mesmo ano.

As tres edicións anteriores acadaron importantes éxitos de participación e, nas obras galardoadas, de crítica. En todas tres a concorrencia estivo arredor dos 45 orixinais. Mentres na primeira (2007) e terceira (2010) convocatoria o premio correspondeulle a obras individuais (Carlos Negro con Cultivos Transxénicos e Mª Goretti Fariña con Devastacións dispoñibles, respectivamente) na segunda (2009) o xurado decidiu conceder o premio ex aequo aos poemarios Cuarto Minguante, do que era autora Mª Carmen Caramés, e Biografía da Multitude, que resultou estar creado a dúas mans por Elvira Riveiro e Silvia Penas.

Victoriano Taibo foi unha figura sobranceira nos dous primeiros terzos do século XX. Mestre de profesión, tivo unha importante actividade cultural e foi membro da Real Academia Galega e do Instituto de Estudos Históricos do Minho. Publicou en vida os poemarios Abrente (1922) e Da vella roseira (1925) e a obra narrativa Da agra aberta, contos e lêndas (1956); deixou inéditos dous volumes de poesía, Abicedo e Cabrinfollas, que foron publicados en 2008. Conta con abundante obra espallada en diversas publicacións tanto galegas como da emigración americana.No ano 2007 recibiu unha homenaxe en Morgadáns, lugar onde exerceu a súa docencia durante 20 anos, organizada polo IEM e a Entidade Local de Morgadáns, e con tal motivo reeditouse Da agra aberta e publicouse unha Revista monográfica sobre o personaxe.

Pódense consultar as bases na seguinte ligazón http://www.minhor.org/premio-victoriano-taibo da web do IEM.