Venres, 17 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura O IEM presenta o proxecto Saiáns.

O IEM presenta o proxecto Saiáns.

Correo-e Imprimir PDF
portada-libro-topo-saians-vert-mascato-2

Dende hai tempo a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común "San Xurxo" de Saiáns ven traballando en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos na realización de posta en valor do Castro do Alto da Medoña (Estea) e na recollida da toponimia da parroquia viguesa. Ambas iniciativas serán presentadas no acto público que dará comezo ás 11h. do sábado 4 de xuño no Parque Forestal de Saiáns. Posteriormente o arqueólogo do IEM, Xosé Lois Vilar Pedreira guiará un percorrido polos muíños, petróglifos e polo castro do Alto da Medoña, deténdose nos paneis explicativos que se colocaron.

De regreso ao Parque Forestal de Saiáns presentarase o primeiro número da nova colección do IEM "O nome dos lugares" no que se recolle un estudo sobre a toponimia da parroquia realizado polo prof. da U. de Vigo e membro da Comisión de Toponimia de Galicia, Gonzalo Navaza, a partir da recollida realizada polo arqueólogo Roberto Rodríguez Álvarez. Ambos intervirán no acto en compañía de Pablo Cabral Pedreira, Director da Área de Normalización Lingüística da U. Vigo que colabora na edición do libro, e Uxío González Pérez, presidente da Comunidade de Montes de Saiáns que serán introducidos por Xosé Lois Vilar, subdirector do IEM.

A Comunidade de Montes "SAN XURXO" de Saiáns emprendeu unha serie de iniciativas (área etno-arqueolóxica de Saiáns, eliminación de acacia e eucalipto, sendeiro etnográfico, sendeiro arqueolóxico, etc.), e impulsou un importante investimento que significou a posta en valor do Castro do Alto da Medoña (Estea) cunha achega por parte do AGADER e un moi importante esforzo económico da Comunidade de Montes. O traballo intenso da Xunta Rectora e a colaboración dos comuneiros permitiu a exhaustiva recollida de toponimia realizada por Roberto Rodríguez e o estudo de Gonzalo Navaza. A colaboración da Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo permitiu esta publicación que inicia unha colección na que o IEM pretende recoller os traballos sobre toponimia. Esta colaboración coa Universidade de Vigo é posible ao abeiro dun convenio específico asinado co IEM o pasado mes de marzo.

O estudo da toponimia da parroquia de Saiáns foi realizado a partir dos topónimos recollidos en traballo de campo executado no inverno de 2009-2010. Cos resultados desta pescuda confeccionouse unha base de datos adaptada ao modelo do Proxecto Toponimia de Galicia.

O libro vai acompañado dun CD no que se recolle un mapa da parroquia cos topónimos incorporados.

Con anterioridade a Comunidade de Montes de Saiáns realizara xa intervencións para poñer en valor o seu patrimonio etnográfico e arqueolóxico (restauración valor de muíños hidráulicos na praia de Fortiñón e no entorno do parque forestal; Aula de Natureza que aproveitaba os recursos materiais, etnográficos e paisaxísticos da parroquia). A intervención no Castro de Estea e o seu entorno, unha superficie de 3,2 Ha aproximadamente, realizouse coa achega económica da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (AGADER) e a propia Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, e tiña como finalidade última a planificación, mantemento e sinalización dun roteiro etnográfico duns 3 km de lonxitude que percorre os lugares de interese patrimonial da parroquia. Este foi sinalado cunha serie de carteis: dous que actúan como recepcionistas dos visitantes, varios direccionais e oito de tamaño medio que destacan aspectos máis salientables do xacemento: o lugar de achado dos machados de talón; a mina de auga do sur do castro; a presa e a levada de auga; os tres muíños hidráulicos; os muíños naviculares de soporte fixo; o foxo; os terrapléns e parapetos e a croa e os socalcos. Na zona máis apropiada polo seu dominio visual emprazouse unha mesa toponímica indicando tanto nomes da parroquia como talasónimos do mar de Vigo.