Mércores, 1 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Tokio presentou a banda debuxada Cabana de Balieiros na Aula de Cultura Ponte de Rosas.

Tokio presentou a banda debuxada Cabana de Balieiros na Aula de Cultura Ponte de Rosas.

Correo-e Imprimir PDF
CARTEL-CABANA-GONDOMAR-blac

Presentouse Cabana de Balieiros, unha Banda Debuxada do autor Tokio (Alfredo López Fernández), na Aula de Cultura Ponte de Rosas, sede do Instituto de Estudos Miñoranos. A obra nos achega ao enfrontamento entre costumes sociais e relixiosos, aferrados á tradición popular e aos mitos ancestrais, simbolizados na vida dunha daquelas vilas mariñeiras. A presentación do libro estivo a cargo do humorista gráfico Pepe Carreiro quen salientou a converxencia de técnicas de debuxo "expresionista", descritivo e analítico do autor, ademais dunha historia onde se mestura a acción, cos paisaxes propios da vida cotiá dunha vila mariñeira galega. Pola súa banda, Tokio informou que a súa historia levaba case quince anos dando voltas ata que hai dous anos a Editorial Demo animoullo a publicarlla.

O relato.

Cabana de Balieiros é unha vila desas que agochan segredos. Moitos deles son misterios que levan e traen as mareas. Algúns afúndense no mar, e outros saen á superficie cando ninguén o espera. Un novo párroco chega á vila, e atópase cunha igrexa abandonada e un mundo que lle descubrirá as historias que fermentan na terra, fillas do salvaxe vento que trae o mar. Unha terra de costumes ancestrais, onde os máis puros instintos humanos xeran o ritmo da vida e marcan o propio destino dos seus habitantes, e levan algúns ao naufraxio da súa propia alma.

O autor.

Tokio é un dos debuxantes pioneiros da BD galega durante os anos oitenta, daquela comezou publicando nos fanzines de Vigo (Castrellis, Katarsis, Coyote), despois publicou humor gráfico na Peneira, Faro de Vigo, El Correo Gallego e A Nosa Terra. Traballou como ilustrador científico e como biólogo mariño, actividade que aínda desenvolve. Agora volve á novena arte cunha obra editada por Demo Editorial: Cabana de Balieiros unha obra de intriga ambientada nunha vila mariñeira de finais do século XIX.

Dim lights Embed Embed this video on your site