Domingo, 19 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura XX Festival Folclórico Internacional e Semana Cultural en Peitieiros.

XX Festival Folclórico Internacional e Semana Cultural en Peitieiros.

Correo-e Imprimir PDF
cartel-XX-Festival

-Peitieiros celebra o XX Festival Folclórico Internacional o vindeiro 24 de agosto
-Para conmemorar os 20 anos do Festival organízase tamén unha semana cultural a partir deste domingo 18 de agosto.

O vindeiro 24 de agosto, ás 19 horas, o Centro Cultural de Peitieiros, Gondomar, celebra o XX Festival Folclórico Internacional. Neste ano 2013 conmemórase tamén o 20 aniversario desta actividade que comezou realizarse na parroquia gondomarense no ano 1993, tendo como grupo anfitrión a Ecos e Agarimos, grupo de Gaitas e Baile do Centro Cultural.
Nesta edición se contará coa presenza do grupo anfitrión, Ecos e Agarimos, que como en todas as edicións será o responsábel de iniciar o Festival, cunha traxectoria de máis de vinte anos é a escola de música e baile tradicional da parroquia. Estarán tamén os grupos galegos: Pedras Miúdas de Lires, Cee, que recuperou as danzas tradicionais dos Arcos e das Patelas tal e como se bailaban hai uns cincuenta anos. A treboada Airiños Novos de Pinzás, da Escola de Música de Pinzás e coa que se quere manter viva este tipo de formación musical e os Terribles de Donas, Grupo de Música Tradicional Galego-Portuguesa con máis de 80 anos de traxectoria, pois foi a primeira murga formada no Val Miñor. Eles serán os encargados de pechar o festival.
Anunciase tamén a participación do Rancho Folclórico da Amizade Telões-Amarante, que teñen entre os seus obxectivos o perfeccionamento e o ensino do seu folclore tradicional e as Trikitilaris de Euskal Herría Enara Yarza e Lorea Etxart que mostrarán a música tradicional das formacións integradas por unha trikitixa (acordeón diatónico) e un pandeiro, que se remontan a finais do XIX, nas romarías celebradas nas abas do monte Urkiola.
O Festival comezará ás 12 da mañá con obradoiros diversos de baile e música abertos á participación de quen quixer achegarse.
Mais, ao tratarse dunha data sinalada e que pon de relevo o esforzo das diferentes persoas que ao longo destes vinte anos estiveron á fronte do Centro Cultural, a directiva actual quixo conmemorar a data celebrando tamén unha semana cultural que comezará o vindeiro domingo 18 de agosto. Desde a mostra das actividades que durante o curso se realizan no Centro Cultural, a través da actuación de Danzarinos, até a presentación dun vídeo dos vinte anos de Ecos e Agarimos, a semana cultural contará coa presenza de destacados nomes no panorama da música galega e da tradición oral: Xavier Blanco, mestre gaiteiro e técnico de cultura tradicional de Moaña, Santi Veloso de Ponte nas Ondas, Carlos Alonso da Asociación Cultural Oral, Xerado Santomé licenciado en antropoloxía e músico popular que falará do seu libro Treboada Galega e Os Carunchos que presentarán o seu disco E ti que?
Todos os actos, agás a actuación de Danzarinos, terán lugar no adro de Peitieiros e no seu centro cultural, ao lado da igrexa de vestixios románicos de San Miguel. A actuación de Danzarinos será no Auditorio Lois Tobío de Gondomar, ás 18:00 horas. Ademais terá lugar unha Mostra de Artesanía no Adro, durante o mesmo día 24.