Venres, 26 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Un cronista da vella Erizana xermola nas fontes de Baíña

Un cronista da vella Erizana xermola nas fontes de Baíña

Correo-e Imprimir PDF

Anxo-museoChámase Anxo Rodríguez Lemos, non chega aos 20 mais coñece Baiona como poucos. Aos 15 anos recuperou máis de 1200 nomes de lugares (topónimos), a maioría deles a punto de desaparecer para sempre pois só arquivaban na memoria dos veciños máis antigos. A súa colección de postais, trípticos de cine e teatro e romances de cego do Val Miñor entre outras xoias, é digna dunha exposición pública.

Percorre bibliotecas e arquivos de toda a península na procura de documentos que lle permitan reconstruír a historia da súa gran paixón: a vella Erizana. Unha fermosa teima herdada da súa bisavoa, Aurelia Otero Prado e cultivada dende neno, agora encamiñada nas aulas de Historia da Universidade de Santiago. 

Di que comezou esta aventura xa no colexio de Fontes-Baíña. Confesa que a súa pasaxe polo IES Primeiro de Marzo o marcou para sempre. Nel iniciouse na recollida de lendas e tradicións orais. Cursando 2º da ESO deu unha conferencia sobre a súa recollida de topónimos nun congreso internacional sobre Educación. O seu gran soño é converterse en cronista oficial da súa terra, o concello de Baiona.

É amigo doutro baionés que leva a vila no sangre, Xosé Lois Vilar Pedreira, historiador, arqueólogo e froiteiro. Del aprendera o oficio da recolleita dos nomes dos lugares e comprendera a importancia de coñecer e preservar a rica tradición etnográfica do lugar do mundo que habita. VM.info tiña pendente esta entrevista. A mesma tivo lugar entre as súas viaxes da casa paterna baionesa ás clases en Santiago. Desa ida e volta foi saíndo esta conversa que agora reproducimos á vez que xermolou a idea dunha columna de Anxo de próxima aparición nesta gamela informativa. Espazo  que levará por título “Crónicas da vella Erizana”.  

anxo-rapaz

VM.info -   Como nace esa inquietude pola historia e o patrimonio cultural de Baiona?

Anxo - O sentimento de pertenza a unha vila, é algo que debería xurdir en un xa dende que nace (aínda que algúns non o adquiran na súa vida) e por tanto, a defensa e proclamación por todo o alto, de onde eres natural, debería ser o primeiro que se fixera; e máis, se un nace nunha vila do calibre de Baiona. Como para valorar algo, débese coñecer primeiro, iso debeu ser o que me pasou a min. A raíz dun traballo no instituto, no cal se nos propuxo unha investigación dos nomes da nosa contorna, comecei a profundar nun tema, que mira ti por onde, me sería unha fonte de coñecemento de primeira orde e sobre todo a vía de achegamento á historia. Foi a toponimia a que me levou por vez primeira ao mundo dos arquivos históricos cando tan só tiña quince anos; e dende esta, quedei marcado para sempre. Os libros de foros e escrituras, do século XVII, do Hospital de Sancti Spiritus de Baiona, foron os primeiros documentos antigos cos que traballei. Dende aquí, todo o que cae nas miñas mans e que son capaz de ler (débese anotar a dificultade de ler escrituras notariais, por exemplo, dos séculos XV e XVI) é transcrito ao momento e estudado con detemento.

VM.info -  Cantos nomes de lugares de Baiona levas recollidos?

Anxo - Ás veces, non é tan importante o número de topónimos, como a información que cada un dos nomes pode aportar á historia. Ao longo das parroquias que levo recollido ata agora (Baíña, Borreiros, Comesaña; se non contamos anotacións que xa teño de Belesar, Sabarís ou Baredo) lévome atopado con topónimos ben curiosos. Se consideramos que só en Baíña temos máis de 1200, en Borreiros uns 700 nomes; cal sería o resultado numérico de todo o Concello de Baiona? E do Val Miñor? Os resultados penso que son imposibles de predicir pero unha boa recollida aporta moita historia dun lugar.

VM.info - Cando comezaches esa recollida de topónimos?

anxo-borreirosAnxo - A recollida de toponimia propiamente comezou no ano 2009, aos 15 anos, aínda que xa un ano antes colaborara en temas de patrimonio inmaterial. Foi no 2008 cando fixen as primeiras entrevistas, e as que considero máis importantes para min. A miña primeira informante foi miña propia bisavoa, Aurelia Otero Prado, un auténtico libro aberto (ata o momento descoñecido para min) que aos seus 92 anos recordaba todo tipo de historias e lendas, que me serviron para colaborar co proxecto de Ponte nas Ondas. Lembro como se fose hoxe o acontecemento que foi poñer unha gravadora diante da misa abuela bisa (como lle chamaba) para que recollese para sempre a súa voz e  as súas historias. O tardo baixando polo Tombo de Fontes, a Santa Compaña que lle aparecera ao seu avó na Fonte de Santa Mariña ou o relato do tesouro da Fonte Santa en San Cosme, foron algunhas das vivencias que me transmitiu.

VM.info - Que agochan os nomes dos lugares?

Anxo - Os nomes ás veces agochan orixes tan remotas que incluso non somos quen nin de explicalos. Foi por isto, polo que moitos comezaron a ter entre as xentes unha explicación popular. É o caso de Nigrán, onde houbera un ano de tanta fame que non houbera NIN GRAN para comer, ou o de Santa Baia das Donas. Este último, ten unha historia longa pero que conta cun trasfondo histórico moi importante. O segundo termo do topónimo, DONAS, ven a facer referencia segundo ás xentes, a un antigo convento feminino que se ten documentado dende o século XII neste lugar, por tanto, serían esas monxas, as donas ás que fagan referencia ( os máis espelidos incluso che poden contar que era un Santa Baia de las Dueñas antigo). A referencia á patroa, a mártir Santa Baia ( Santa Eulalia), recolle toda simpatía da explicación. Resulta que en Donas quedaban no mosteiro (alá polo século XV) poucas monxas, de aí que o Bispo de Tui o mandase pechar e lles mandase levar á vella imaxe de Santa Eulalia da igrexa. As monxas foron reacias a irse, argumentando que elas querían morrer e ser enterradas en terras do Miñor. Ante a insistencia do Señor Bispo de Tui, as monxas responderon: -Pois mire, a Santa que vaia, pero nós quedamos aquí. Foi por iso que a mártir lle quedou Santa Baia.

VM.info -  Como reaccionan os veciños cando vas preguntar polos nomes das súas leiras?

Anxo - Enfronteime xa nestes anos a todo tipo de casos, dende persoas que colaboran sen problema ningún ata outras que pechan as portas crendo que somos “os do Catastro”. Unha vez que se lles explica que isto non ten como finalidade impoñer máis impostos, e que só se trata de anotar nomes de sitios e encadralos xeograficamente nun mapa para que queden escritos para as próximas xeracións, acceden sen pensalo. A xente maior é cada vez máis consciente que moitas das propiedades non chegarán a ser coñecidas polos seus descendentes debido a que os nomes que aparecen nos testamentos/escrituras non están recollidos pola administración e por tanto, imposibles de localizar. Algúns pensan que moitas das tomadas acabarán quedando para o Monte en Man Común, como xa pasou en Mañufe na Costa do Río do Loureiro.

VM.info - É certo que organizaches unha mostra de romances de cego do Val Miñor?

Anxo - Certo. Miña bisavoa tiña inquedanzas moi avanzadas para a súa época, calquera veciño ou veciña pódeo confirmar e conservou na casa máis de 150 cantares de cego, incluíndo trípticos de teatro e cine celebrados en Baiona ou Nigrán. A cronoloxía dos mesmos, vai dende os anos 20 do século pasado, con noticias sobre a guerra de Marrocos ou o espantoso crime de Don Andrés Gestal en setembro do 1927 en Mañufe ata romances dos anos 70. Da época da República conservo panfletos dende a caída da mesma, coplas nas que o bando nacional pon a “feder” a membros do goberno republicano como Azaña, Miajas ou A Pasionaria. Os que teño da guerra son unha marabilla. Toda a guerra civil dende o 1936 ao 1939 está contada en versos escritos polo bando nacional.

Foi o descoñecemento e os poucos exemplares que se conservan en Galicia, o que me levou a animar ao grupo de Historia de Galicia de 2º de Bacharelato para que me axudasen a contextualizar toda a documentación na súa época correspondente e á vez facerlle un homenaxe a unha muller das grandes, Aurelia Otero Prado. Nada sería posible sen o gran apoio co que contamos da profesora Puri Pérez Leirós, e en xeral da dirección do centro IES Primeiro de Marzo.

anxo-costureira

VM.info - Que eidos cres que non están suficientemente estudados na Vila?

Anxo - Aínda que a vila aparece constantemente citada en obras galegas e nacionais de carácter xeral, e ten así mesmo decenas de artigos estudando certos fenómenos como o comercio marítimo, a Baiona fáltanlle cousas. Temos institucións únicas en Galicia como a confraría da Irmandade da Santa Casa de Paz e Misericordia ou o Hospital de Sancti Spiritus sen estudos profundos. E isto, sen falar do caso da Colexiata de Santa María, A Capela de Santa Liberata ou a da Misericordia, o Convento de Nais Dominicas...

Tanto, que non chegaría a miña vida (e nin sendo novo) para escribir a historia máis fonda de Baiona.O material documental que teño, está por dicilo dalgún en xeito “en bruto”, requiro de moito tempo para estudalo a fondo e poder poñelo no contexto galego e español, cun punto de vista político, económico, social e cultural amplo.

anxo-campasVM.info -  Hai case 20 anos que Baiona non ten cronista oficial. Pensas que sería importante recuperar esa figura?

Anxo - Tal e como se recolle no Regulamento municipal, o cronista oficial é un cargo predominantemente honorífico, pero cunha función real tan importante como é a redacción dunha Crónica de Baiona. Ata o momento, os cronistas baioneses foron elixidos sen apoio dunha normativa determinada, que agora se deixou por escrita en pleno do 5 de decembro do 2013. Por tanto, o nomeamento do Cronista Oficial da Vila de Baiona debe aprobarse en Pleno a proposta da Alcaldía e previo ditame da Comisión de Honores e Distincións.

VM.info -  Gustaríache nun futuro encargarte desa función?

Anxo - Non é que me gustara, e que o daría todo por selo. Aos meus 19 anos, non sei aínda si cumpro o requisito de ser distinguido pola miña ´´labor de estudo, investigación e difusión dos temas relacionados co Municipio de Baiona” pero, dende logo, traballo por isto.