Domingo, 12 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía Paradores de Turismo decide o seu futuro no inicio do 2013.

Paradores de Turismo decide o seu futuro no inicio do 2013.

Correo-e Imprimir PDF
vilalba

-O próximo mércores 2 de xaneiro terá lugar en Madrid a derradeira mesa de negociación entre dirección e o Comité intercentros de Paradores.

-Menos prebendas para os directivos, ningún despedimento e un ERE temporal será a base da proposta final dos traballadores.

-Mentres os traballadores cumpren o seu segundo día de folga, a dirección de Paradores mantén a fórmula dun ERE con 350 despedimentos para "asegurar la supervivencia de la compañía".

Co obxectivo de evitar despedimentos e o peche de establecementos os traballadores de Paradores de Turismo manterán este mércores 2 de xaneiro en Madrid a última xuntanza de negociación prevista coa dirección da empresa. O punto central do encontro será achegar as partes nunha fórmula que permita reducir en 19 millóns de euros o seus gastos de funcionamento. O Comité Intercentros que representa aos traballadores defenderá unha proposta baseada na disposición a asumir por parte das plantillas unha diminución de haberes (baixo uns mínimos de dignidade) cunha contrapartida por parte das prebendas dos cargos directivos así como unha reestruturación xeral do gasto.

Pola súa banda, a empresa formulou –na derradeira xuntanza- unha redución das medidas inicialmente previstas no ERE, deixando en 350 o número de despedimentos (644 nun principio) e a promesa de non pechar definitivamente os establecementos de Ferrol e Verín. Nembargante, a empresa segue a soster que necesita reducir a plantilla de traballadores "actualmente muy sobredimensionada y muy alejada de los estándares del sector".

Segundo os traballadores, a empresa –asistida por unha consultora externa- propón alcanzar a devandita redución a través dos despedimentos, a modificación das condicións de traballo e a redución salarial, logrando dese xeito baixar 17,5 millóns de euros a cargo do persoal de base. O restante 1,5 millóns obteríase principalmente cos peches temporais de establecementos.

O Comité ofrece unha fórmula alternativa que parte da base de non perder ningún posto de traballo á vez que trasladar parte dos custes da reestrutura aos estamentos de dirección da empresa. Nese contexto informan que estarían dispostos a por en funcionamento un Expediente de Regulación Temporal de Emprego que afecte a tódala plantilla durante dous meses por ano. Un sistema de flexibilidade horaria " acorde e respectando a conciliación da vida persoal e laboral". Por contrapartida, os cadros de dirección deberían aceptar a eliminación ou reaxuste de gratificacións e outros gastos de persoal. Neste último aspecto, salientan horas extras, servizos extras, complementos de IT e gastos de ETTs, e "a redución dos altísimos salarios que goza a alta dirección".

Jorge Carneiro, membro do Comité Intercentros (veciño de Gondomar e empregado do Parador de Baiona), será un dos encargados de defender a posición dos traballadores nesta derradeira xuntanza coa dirección nacional de Paradores. Neste senso, sinalou que concorrerá xunto con Anabel Cortés como representante dos delegados dos comités galegos e mandatado pola posición asumida por estes na xuntanza celebrada en Vilalba o pasado domingo. "Unha vez rematada a negociación valoraremos o resultado obtido e actuaremos en consecuencia", adiantou.