Mércores, 1 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía A Xunta multa con 1.200 euros diarios a Autoestradas de Galicia ata que repoña o cobro manual nos postos de peaxe .

A Xunta multa con 1.200 euros diarios a Autoestradas de Galicia ata que repoña o cobro manual nos postos de peaxe .

Correo-e Imprimir PDF
peaxe-vincios

-A Axencia Galega de Infraestruturas fixa un importe de 300 euros por día de retraso e praia de peaxe na que non se repoña o cobro manual 24 horas. A medida afecta ás áreas da Ramallosa I, Ramallosa II e Porto do Molle (autoestrada AG-57) e Pastoriza (AG-55)

Trátase da máxima sanción que establece a lexislación sobre construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión aplicable ao contrato existente. A empresa dispón de quince días para presentar alegacións

A Consellería de Medio Ambiente comunicou onte a Autoestradas de Galicia, empresa concesionaria das autoestradas autonómicas AG-55 (A Coruña- Carballo) e AG-57 (Vigo-Baiona) unha multa de 1.200 euros diarios a ata que repoña o cobro manual as 24 horas do día en ambos sentidos nas praias de peaxe nas que deixou de prestar este servizo de xeito unilateral. A Axencia Galega de Infraestruturas (AXI) fixa un importe de 300 euros por día de retraso e praia de peaxe nas áreas da Ramallosa I, Ramallosa II, e Porto do Molle (autoestrada AG-57) e Pastoriza (AG-55).

Trátase da máxima sanción que establece a lexislación sobre construción, conservación e explotación de autoestradas en réxime de concesión aplicable ao contrato existente. A empresa dispón agora de quince días para presentar alegacións.

O goberno sinala que chega a esta decisión despois de que se lle advertira á concesionaria en reiteradas ocasións da súa obriga de manter aberta, cando menos, unha cabina manual cun peaxista as 24 horas día en todas as área de peaxe das autoestradas.

Antecedentes

A Xunta sinala que en xaneiro de 2013 tívose constancia por parte do servizo de inspección da AXI de que se estaban a efectuar cambios na configuración da área de peaxe da Ramallosa, cambios que se realizaron sen comunicación previa a dita inspección. Nese momento, advertiuse á sociedade concesionaria da necesidade de comunicar previamente calquera cambio na configuración das áreas de peaxe, así como da necesidade de contar coa aprobación da inspección para poder materializalos. A empresa concesionaria en ningún momento aportou información sobre as actuacións realizadas nin se tiña intención de efectuar algunha outra.

En febreiro deste ano, enviouse un oficio no que se indicaba que as actuacións realizadas nas áreas de peaxe pola sociedade concesionaria, na medida que eliminan vías manuais e as substitúen por automáticas, prescindindo ademais do persoal que ata entón cobraba de xeito manual a peaxe, supoñen unha modificación unilateral do contrato realizado á marxe do procedemento previsto pola normativa vixente. Reitérase neste escrito a obrigatoriedade de restablecer o cobramento manual con peaxista durante as 24 horas do día na totalidade das áreas de peaxe das autoestradas.

Un mes despois, o 12 de marzo, a Xunta envía novamente un escrito no que se solicita información concreta sobre o número de cabinas con peaxista abertas para o cobro en cada unha das áreas de peaxes das autoestradas AG-55 e AG-57 e os horarios nos que os peaxistas permanecen nelas. A concesionaria reitérase nas actuacións realizadas, non considerando como obriga contractual o mantemento dunha cabina manual.

En data 18 de marzo envíase oficio por parte da inspección de explotación das autoestradas na AXI comunicando á concesionaria que non só non repuxo o servizo de cobro manual nas praias Ramallosa I, Ramallosa II e Pastoriza, tal e como lle foi requirido, senón que tamén se pecharon as dúas cabinas de cobro manual na peaxe de Porto do Molle.

Ante o incumprimento reiterado e a negativa de presentación de información, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas decidiu impoñer a referida sanción de 1.200 euros diarios, é dicir, 300 euros por día de retraso e cada unha das catro praias de peaxe na que non se repoña o cobro manual 24 horas en ambos sentidos de circulación.