A Policía Autonómica e Augas de Galicia inspeccionaron esta mañá a canle do Río Muíños co fin de valorar e informar sobre as actuacións que está a desenvolver o Concello de Nigrán e que foran denunciadas polo PSOE por presuntas irregularidades. O concelleiro Juan González (PSOE) advertiu nesta xornada que "no día de onte desprazaron o caudal do río Muíños, encofraron e botaron formigón sobre o leito do mesmo", á vez que confirmou que os feito están en mans da Fiscalía.
As obras –segundo informara o alcalde Alberto Valverde- responden a dúas actuacións: a limpeza e baleirados de areas acumuladas para evitar eventuais crecidas do caudal e o arranxo dunha tubaxe de saneamento, ambas as dúas cos respectivos permisos de Augas de Galicia.
Nembargante, os socialistas sosteñen que as intervencións se levan adiante "sen as correspondentes autorizacións e sen proxecto técnico que as respalde." Nese senso, o portavoz Juan González reiterou esta mañá a paralización inmediata das mesmas.