Martes, 14 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O concello de Nigrán levanta por sorpresa o empedrado en Panxón e os ánimos dos comerciantes.

O concello de Nigrán levanta por sorpresa o empedrado en Panxón e os ánimos dos comerciantes.

Correo-e Imprimir PDF

A piques de comezar o verán as rúas Arco Visigótico e Álvaro Mourelle desde o paseo marítimo ata a rúa Tomás Mirambel serán obxecto de obras de substitución do pavimento empedrado.

Veciños e comerciantes de Panxón amosan a súa preocupación e malestar polos atrancos que as intervencións están a causar na zona en vísperas da tempada turística. Os traballos comezaron esta semana e o prazo de execución previsto é de dous meses.

Fernández Comesaña, voceiro da UCN manifesta o seu apoio ás protestas dos afectados e cuestiona a “urxencia e necesidade” de comezalas nestes intres.

O edil afirma que os veciños e comerciantes víronse sorprendidos polo comezo das obras o pasado luns, das que non tiñan aviso previo. Afirma que o goberno local non só ignorou aos afectados da zona, “senón tamén, á mesma asociación de veciños Monteferro de Panxón, que nin atende as súas peticións nin informa de actuacións relevantes na parroquia”.

O goberno quere reinstalar as laxes levantadas na Ramallosa no centro de Panxón.

As obras están valoradas en 50.391,73 euros, a financiar integramente pola Deputación. Fernández insiste en que as mesmas “non son urxentes nin necesarias”, que máis ben son produto da “improvisación e do despilfarro”, xa que as rúas foron empedradas a principios dos anos 90 e “mantéñense en perfecto estado de conservación”.

Segundo o edil o goberno pretende substituírllas polas aquelas laxes de pedra retiradas nas rúas da Ramallosa, “porque se rompían e levantaban ao paso de vehículos. O que non valía para A Ramallosa, parece que agora serve para Panxón”, agrega.

UCN igualmente cuestiona que as obras a realizar conten coa correspondente autorización de Patrimonio, xa que se atopan no ámbito do propio Arco Visigótico e do castro da Madorra, bens protexidos e catalogados pola Xunta de Galicia.

Fernández esixe a inmediata paralización das obras.

Fernández Comesaña, esixe ao alcalde Alberto Valverde, a inmediata paralización das obras. Entende que as mesmas pódense aprazar perfectamente ata o mes de setembro. Por outra banda pide ao rexedor Alberto Valverde que  informe aos veciños e comerciantes afectados, si contan con todos “os permisos regulamentarios, as características do proxecto, así como a conveniencia e necesidade de substituír unhas pedras por outras, talvez peores, o que demostra despilfarro, falta de ideas e incapacidade dun alcalde, que cada vez está máis afastado dos cidadáns”.