Sábado, 27 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán O BNG reclama a retirada da simboloxía franquista do Templo Votivo do Mar en Panxón.

O BNG reclama a retirada da simboloxía franquista do Templo Votivo do Mar en Panxón.

Correo-e Imprimir PDF
tg carrusel central

Os nacionalistas de Nigrán reclaman a retirada dunha placa de mármore “carente de calquera simboloxía relixiosa” e destinada a lembrar a José Primo de Rivera e aos “caídos do bando vencedor”, situada no Templo Votivo do Mar en Panxón. Nese senso, Xavier Rodríguez, voceiro do BNG-Nigrán, presentou unha moción de acordo a debaterse no vindeiro pleno de Nigrán. Na mesma, solicítase que o goberno municipal realice xestións ante o bispo da diocese de Tui-Vigo, “ofrecéndolle a colaboración do Concello se é necesario” coa finalidade de acadar a retirada desta simboloxía franquista da igrexa.

Lembran que xa pasaron máis de corenta anos de rematada a ditadura franquista e case sete da aprobación da lei de Memoria Histórica, que obriga a retirar dos espazos públicos toda conmemoración ou exaltación “persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da ditadura”.

Denuncian que sen embargo, a devandita placa permanece “incomprensiblemente” e “ben visible” nun dos monumentos emblemáticos de Nigrán. A mesma presenta unha relación dos mortos do bando franquista na guerra civil.

Franco, certamente, pertence á historia, pero non cabe que símbolos que renden recoñecemento social á ditadura permanezan nos espazos públicos do concello, a non ser que se comparta ese recoñecemento”, sinala Xavier Rodríguez.

Entende que por outra banda, “supón unha ofensa e provoca un sufrimento innecesario a moitos familiares de persoas perseguidas e represaliadas durante a guerra e os anos seguintes, constituíndo un agravio inútil para aquelas persoas que non secundaron a ideoloxía da ditadura”.

Estes símbolos non teñen sentido nunha democracia polo que cómpre levar a cabo as accións precisas para facilitar a súa retirada tal e como estabelece a lei, dando deste xeito resposta aos sentimentos democráticos da cidadanía”, conclúe.