Sábado, 27 Apr. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Axenda Esta fin de semana 40 nenos e nenas participarán dunha "Noite na Biblioteca" en Gondomar.

Esta fin de semana 40 nenos e nenas participarán dunha "Noite na Biblioteca" en Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF
tarxeton_IV_noite_biblioteca_2011-1

Este sábado 18 de xuño 40 nenas e nenos poderán "durmir na biblioteca" de Gondomar. Espazo Lectura, coa colaboración do Concello de Gondomar, dará comezo a cuarta edición da Noite na Biblioteca. Este ano, para posibilitar que todos os nenos e nenas que participan habitualmente nas actividades estables de Espazo Lectura puidesen gozar desta actividade, ampliouse a oferta de prazas e serán 40 os cativos e cativas que van durmir na Biblioteca Municipal entre palabras, contos e andeis cheos de libros. Pero antes de poñer o pixama haberá unha chea de actividades co libro e a lectura como protagonistas.

O PROGRAMA, que ten como fío condutor as viaxes, consta de dúas partes:

•             A primeira, titulada A volta a Gondomar en 150 minutos, de asistencia libre e gratuíta, celebrarase no exterior a partir das 19:00 horas para nenos e nenas de todas as idades. O punto de encontro será a Praza de Portugal, diante da Biblioteca Municipal. Alí, os nenos e nenas comezarán unha viaxe por diferentes prazas de Gondomar na procura de contos e historias doutras culturas. O acto central desta primeira parte será a representación de Que bonito é panamá! por parte da compañía Panamesiana Teatro, no parque da Coelleira a partir das 20:20 horas.

•             A segunda parte do programa comezará ás 22:00 horas. Será no interior da biblioteca e asistirán os nenos e nenas que se inscribiron previamente. Logo de cear coas familias, chegará o momento de lavar os dentes e poñer os pixamas para que dea comezo unha noite chea de emocións. Para continuar coa viaxe, a biblioteca converterase nun hotel, o Hotel dos Soños. Primeiro, os nenos e nenas asistirán ao espectáculo A viaxe das palabras a cargo da compañía A Tropa de Trapo (sesión de contacontos e obradoiro). Despois, manterán unha videoconferencia co asteroide B-612, xa que O principiño será o libro protagonista da noite.

Na mañá do domingo espertarase con xogos e cancións e almorzarán todos xuntos. Será o momento de recoller os sacos de durmir, as zapatillas e os pixamas, reencontrarse coas familias e agardar ata o próximo ano para volver vivir unha noite na biblioteca.