Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Gondomar estará presente no festival Pa-ta-ta, a mostra de fotografía emerxente de Granada

Gondomar estará presente no festival Pa-ta-ta, a mostra de fotografía emerxente de Granada

Correo-e Imprimir PDF
festival-pa-ta-ta

O Concello de Gondomar estará presente este ano no Festival Internacional de Fotografía Emerxente de Granada PA-TA-TA cunha recopilación dos mellores traballos presentados á primeira edición dos Encontros de Fotografía Dixital Domingo Pío Quintas Núñez, organizados pola Concellería de Cultura en setembro de 2010. Así, Manikarnika, Hugo Aboal,Miradas de Caracol -Álvaro Sanz-, Miguel Sanjurjo, Carlos Costas e Brunheira –fotógrafos participantes no 2010- terán a oportunidade única de mostrar o seu traballo nun dos certames de fotografía nacional con maior proxección. As fotografías destes autores, moitas relacionadas con Gondomar, proxectaranse na Plaza de la Catedral da capital granadina o vindeiro 1 de xuño.

O intercambio con outros festivais é un dos grandes atractivos dos Encontros de Fotografía Dixital Domingo Pío Quintas Núñez. Así, ao mesmo tempo que unha delegación de Gondomar presentará o seu traballo en Granada, outros participantes do Pa-ta-ta terán a oportunidade de exhibir as súas creacións na segunda edición do certame da vila condal, que se celebrará nos meses de xuño e xullo. A iniciativa incluirá exhibicións nocturnas ao aire libre, exposicións fotográficas e a celebración do primeiro maratón fotográfico de Gondomar, na noite do Corpus.

Inscrición aberta

Por outra banda, a Concellería de Cultura do Concello de Gondomar vén de publicar as bases que regulan a participación na segunda edición dos Encontros de Fotografía Dixital Domingo Pío Quintas Núñez. Os fotógrafos que desexen participar no certame, aberto tanto a profesionais como afeccionados, deberán presentar os seus traballos antes do 15 de xuño, último día de recepción de series.

Tanto as bases como o formulario de inscrición están dispoñibles na páxina web do Concello de Gondomar www.concellodegondomar.com e no Departamento de Cultura -oficina 5- nos baixos da Casa de Cultura. Máis información no 986 363 913 ou no correo Este enderezo de correo-e está a ser protexido de robots spamers, precisas activar o JavaScript para velo .