Luns, 6 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Nigrán Medran os ingresos por impostos e baixan as partidas sociais no borrador oficial dos orzamentos de #Nigrán.

Medran os ingresos por impostos e baixan as partidas sociais no borrador oficial dos orzamentos de #Nigrán.

Correo-e Imprimir PDF
Pese a incremento dos ingresos pola via de recaudación de impostos, as partidas de axuda social seguen baixando

- O borrador dos orzamentos para 2014 presentado polo goberno de Nigrán (PP) ao resto dos partidos só contempla 5 mil euros para Emerxencias Sociais e menos de 436 mil euros para todo o programa de Servizos Socias, un 3.30% menos que no 2013, segundo revela un documento de análise da Unión Centrista de Nigrán.

- O documento económico presentado polo goberno municipal alcanza os 12.800.000 euros, onde as contas de Gastos Correntes e Persoal superan o 88% do orzamento (56% e 32% respectivamente), segundo a mesma fonte.

-Destaca igualmente a previsión do incremento no capítulo Ingresos, de 12.000€ (6,75%) en "Multas de Tráfico" até  alcanzar os 190.000€, "lo que confirma un afán recaudatorio desmesurado" da administración popular, segundo UCN.

- As achegas a urxencia social pasan a ser de 5.000 euros anuais fronte a partidas de turística que supera os 105.000 euros.

Incrementos de impostos e taxas previstos no borrador da alcaldía.
Segundo a UCN, no Capítulo 1 (Impostos directos) destaca o incremento duns 140.000€ no Imposto sobre Bens Inmobles de natureza Urbana, pasando a 3.950.000€, o que supón un 3,67% de incremento, en relación co ano 2013.
No Capítulo 2 (Impostos indirectos) increméntase en 35.000€ en relación co ano anterior, pasando a 220.000€, o que representa un incremento do 18,9%, "cando aínda non se percibe un repunte económico no sector da construción e ademais, as licenzas están suspendidas pola aprobación inicial do PXOM. Polo que resulta cuestionable", sinalan dende a UCN.

O Capítulo 3 (Taxas e outros ingresos) prevé incrementarse en 233.600€ en relación co 2013, alcanzando 3.628.300€, o que representa unha suba do 6,9%. Segundo UCN, "especial mención" require a Taxa por aproveitamento do dominio público que se incrementa en 165.000€, (un 300%) cifrando os 220.000€, ao incorporar o padrón dos anos 2013/2014, "cunha ordenanza moi cuestionada e que incrementou o importe a vivendas en máis do 200%".

Igualmente sucede, sinala UCN, coa Taxa por servizo domiciliario de abastecemento de Auga", polo que proporá modificar o sistema de tarifas da ordenanza por bloques, pasando a cobrar exclusivamente por consumo real e non por mínimos non consumidos (60m3/trimestre actual), "o que incentivará o consumo responsable da auga, e non como agora que invita máis ao despilfarro". Destaca tamén o informe do grupo opositor o incremento de 12.000€ (6,75%) en "Multas de Tráfico" que prevé recadar 190.000€, "o que confirma un afán recadatorio desmesurado".

UCN propón a redución dos Gastos correntes e aumentar Investimentos
O Capítulo 2 (Gastos correntes e de servizos) medra nuns 400.000€, alcanzando a cifra de 7.218.107,4 (deducidos 40.000 de construción nichos cemiterio de Parada que se incorporan ao capítulo 6º de investimentos), o que representa un 5,9% sobre o ano 2013. Nese senso a proposta da UCN sinala incrementar eses 400.000€ no capítulo 6º de Investimentos.
No tocante aos capítulos 3 e 9 (Intereses e amortización de préstamos), redúcense en 783.081,88€, o 61,92%, como consecuencia da amortización extraordinaria efectuada o ano pasado, con cargo ao remanente de tesourería. Polo que UCN na súa proposta alternativa sinala "destinar a totalidade do aforro xerado ao capítulo 6º de Investimentos".

Diminúen as partidas para Servizos Sociais
O programa de Servizos sociais redúcese en 14.830,77€, quedando en 435.793,20€, o que supón unha redución do 3,30% en relación ao ano 2013. En concreto, sinalan dende UCN, "redúcese a Axuda a Domicilio, pasando de 157.700€ a 145.000€, mentres se mantén as achegas a Urxencia Social en 5.000€, que resultan escasas. Polo que propoñemos un incremento de 25.000€"

"Tímido" aumento en Cultura e máis dun 29% para "Festexos Populares".
Segundo UCN o borrador prevé que o programa de Cultura se incremente "timidamente en 11.382,81€" co respecto a 2013, totalizando unha partida de 147.609,24€ a tal fin, un 8,30%, o que representa no conxunto global do orzamento unha achega do 1,15%. A UCN propón incrementar en 12.500€ a partida Cultura.
Con todo o programa de Festexos Populares , increméntase en 11.715,20€ pasando a 51.350€, o que supón o 29,55% de incremento sobre o ano anterior. O que se propón pola UCN é reducir nun 50% esta partida. A mesma porcentaxe de redución é proposta para o programa Promoción Turística, que foi incrementado en 16.025€ totalizando 105.462,76€, o que supón un incremento do 17,90% en relación co ano anterior.

Investimentos
No capítulo Investimentos, a UCN presenta unha serie de cuestionamentos ao borrador presentado polo goberno no que salienta entre outros a falla de información sobre as actuacións a realizar en saneamento e abastecemento de auga, que contan cun importe total de 75.000€. Agregan que neste punto o borrador tampouco "presentan memorias valoradas das actuacións que se pretende realizar".

Segundo UCN sucede o mesmo coa partida de "Reposición en vías Públicas", por importe de 170.000€, na que tampouco se detallan as actuacións a realizar nin se aporta memoria valorada das obras.
Por outra banda, o grupo opositor non considera xustificadas as achegas de 20.000€ para un sistema de comunicación de radio, e outra por 6.000€, para o sistema de control de cámaras de vixilancia. A mesma consideración lles merece a cantidade destinada para acondicionamento e axardinamento de zonas verdes por 30.000€, e para Estudos técnicos e redacción de Proxectos, con 40.000€ nos que tampouco se detallan as actuacións a realizar.
Finalmente tampouco entenden xustificada debidamente a necesidade e conveniencia de levar a cabo a "adquisición dunha nova aplicación informática", por importe de 150.000€, da que advirten tampouco existe memoria xustificativa valorada.

Propostas de intervencións non contempladas no borrador.
Pola súa banda, UCN presentou unha serie de proxectos de humanizacións e acondicionamentos en diversas rúas e camiños de Nigrán a negociar a súa finanzación coas administracións provincial e autonómica. Nese senso propón partidas para o acondicionamento do Camiño Vello, a rúa Otero Pedrayo, a rúa Bouzabella, a rúa Manuel Lemos (A Ramallosa) a Avenida Val Miñor (Nigrán) a Rúa Mariñeiro (Panxón), e unha dotación para pavimentación de camiños veciñais nas parroquias, por importe de 120.000€.