Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Se alguén só coñece o Val Miñor polas miñas fotos xa está tardando en vir

Se alguén só coñece o Val Miñor polas miñas fotos xa está tardando en vir

Correo-e Imprimir PDF

Praia de Patos - Unha das imaxes de Juan Chamorro seleccionadas previamente pola revista inglesa Digital Photo MagazineOs descoñecidos valedores do Val Miñor. Quizáis ese pododería ser o título do libro que recollese e recoñecese a labor desinteresada de moitos dos nosos veciños e veciñas da bisbarra que dende fai moitos anos levan o nome do Val Miñor alén de ultramar. Un traballo moitas veces non recoñecido e descoñecido polos seus propios conveciños, e sobre todo polas propias administracións ou organizmos oficiais que deberían recoñecer dalgún xeito o traballo destes auténticos "valedores do Val Miñor". 

Recentemente, asitíamos a outra nova do recoñecemento empresarial a nivel internacional cando Trip Advisor, a web de viaxes máis importante do mundo, outorgáballe o premio ao Hotel Arce pola calidade do seu servizo segundo as votacións dos propios usuarios. Un recoñecemento que implicaba elevar o nome da vila de Baiona á páxina de portada dos 25 mellores hoteis de España de 2012 nun espazo virtual visitado por 50 millóns de persoas ao mes de todo o mundo.

Pero, canto custaría unha campaña turística de promoción do Val Miñor nunha revista de tirada internacional? Pois habería que botar contas e con moitos números, pero a realidade final é que a factura da campaña tivo un coste de 0 euros grazas ao traballo dun dos "valedores do Val Miñor".

Juan Chamorro
 O autor deste feito é  Juán Chamorro (28 anos, Panxón), estudante e futuro bodegueiro pero aferrado fotógrafo de afición. O seu fito, que o Val Miñor volva a protagonizar as follas da prestixiosa revista de fotografía dixital inglesa e tirada internacional Digital Photo Magazine.

En valminor.info fai tempo xa que seguimos o seu traballo no seu blog e na súa páxina de Flickr, e podemos dar fe que cada publicación non deixa indiferente a ninguén polas cores que envolven esceas e parexes do Val Miñor que todos adoitamos percorrer. 

 VM - Fotógrafo de afición ou profesión? Eres un autodidacta da fotografía?

JC - Fotógrafo de afición, xa me gustaría poder adicarme a isto, pero eu só fago fotografía de paisaxes, e precísase viaxar moito para poder facerte un oco importante neste mundo ou que alguén che toque con unha variña máxica, e de momento ningunha das dúas cousas aconteceron.

Pódese dicir que son autodidacta, aínda que hai moita xente que sempre me axudou e me deu folgos. Sen dúbida teño que acordarme de Botikario que sempre estivo aí nos meus comezos e que tiven o pracer de coñecer, logo viu moita máis xente á que coñecín e da que tamén puiden aprender. Pero sen dúbida a persoa que máis mérito ten foi a miña moza, por aguantarme sempre ca cámara. Eu dende logo non vos aconsello que viaxedes cun fotógrafo ou intento de fotógrafo coma min.

VM - Canto tempo levas fotografiando paisaxes? 

JC - Decembro de 2007 é cando compro a miña primeira cámara reflex, dende logo aquelas fotos demostran que non tiña nin idea do que facía. Día tras día maquinando como facían esa xente á que eu me quería asemellar pero os resultados ainda tardaron en chegar uns meses. Moi cerca estiven de desfacerme do obxectivo co que prácticamente faría a maioría das miñas fotos paisaxísticas, e sen o cal, tal vez hoxe non tería esta afición.

VM - Cantas imaxes do Val Miñor podes gardar no teu arquivo?

JC -Moitísimas, é difícil de calcular. A natureza sempre foi unha fonte de ánimo e vida para min. Poder escaparme e facer unha ruta de sendeirismo sempre me animaba, mirar todos ese rinconciños que se agochan pola nosas terras galegas e que moi pouca xente mirou, animoume a facer fotos para poder amosalas á familia e coñecidos. E cos amigos do IEM aínda tiven a sorte de coñecer máis de eses tesouros que temos escondidos, anímovos a participar nas súas xeiras de verán.

VM - Hoxe eres noticia pola publicación de dúas fotos túas na revista Foto Digital Magazine, pero non é a primeira vez. Non sí?

JC -Xa tiven a sorte e o pracer de publicar con esta xente fai máis dun ano unha foto que según os votos da xente nunha importante páxina de fotografía estaba ó nivel ou por riba dalgunha das fotos deses grandes fotógrafos profesionais dos que un trata de aprender. Sen dúbida iso para min xa era máis que unha alegría.

 VM - Que se sinte cando revistas tan importantes internacionais publican o teu traballo?

JC - Cando recibin o primeiro correo electrónico deles pensei que sería algún tipo de estafa por internet, pero despois de ler dinme de conta que non. Eu non o podía crer, algún salto de alegría din pola casa, é algo que non se pode explicar, en apenas 3 anos pasei de non ter nin idea a publicar na revista de fotografía con máis tirada, con iso xa tiña suficiente como para non facer máis fotos na miña vida.

VM - Esas fotos que saen publicadas son do Val Miñor. Somos uns privilexiados e non o sabemos?

JC - Somos uns privilexiados no Val Miñor e en toda Galiza e cando te das un paseo por calquer curruncho da nosa xeografía creo que non nos damos conta da sorte que temos. Esperemos que os de arriba non acaben coa nosa paisaxe e coa nosa terra, aínda que por desgraza sabemos que de momento iso non é así.

VM - Que che di a xente que coñece o Val Miñor só a través das túas imaxes?

 JC - Se alguén só coñece o Val Miñor polas miñas fotos xa está tardando en vir, que non coñecer o Val Miñor debería ser delito.

VM - Cal é a túa meta como fotógrafo? Que "obxetivos" persegues?

JC - Pois como contei as miñas metas como fotógrafo podo dicir que xa as cumprín. Quizáis me quede vender algunha foto algún día e saber que esta terá un anaquiño de casa á que darlle luz e color. Se alguén quere algunha xa sabe onde estou..hehe, aínda que isto non é algo que me coma a cabeza.

VM -  A seguinte revista, podería ser o National Geographic?

JC - Non quero parecer pesetero, pero creo que todos os aficionados á fotografía como a calquera outra arte deberíamos publicar en sitios que paguen polos nosos traballos, por moi pequenos que sexan estes. Non sei se me faría moita ilusión publicar nunha revista que fai un concurso para publicar fotos sen dar nada a cambio nin tan sequera aos gañadores.

VM - Cal foi a película ou documental que máis prendado che deixou pola fotografía?

JC - Sen dubida os documentais da BBC Planeta Terra foron máxicos, poder fotografar a vida salvaxe en calquera rincón do mundo ten que ser algo indescritible, pero neses documentais sénteste como se estiveras ó carón de todos ese animais e desfrutando das maravillas que temos neste mundo.

VM - Cal foi a imaxe que máis che impactou na túa vida? Esa que queda na retina para sempre .

JC - Hoxe vénseme á memoria aquel avión despegando entre a choiva e a néboa cun rapaz que non sabía a onde iba e que de seguro lle cambiou parte da súa vida.Ó mes e medio estaba de volta na casa, pero os horizontes xa non eran os mesmos.

VM - Poderemos desfrutar algún día o teu traballo nunha exposición? Cándo, onde?

JC - Pois iso xa pasou tamén, terei que por da miña parte e volver a expor nalgunha lugar. 

Gustaríame darlle as grazas a Pedro por darme tantas facilidades e a todos os que gastades un segundo da vosa vida en mirar algunha das miñas fotos.

-------------

Dende valminor.info agardamos que Juan siga sendo o noso "embaixador" e "valedor" do Val Miñor polo mundo, pero dende hoxe agardamos que deixe de ser un "embaixador anónimo" e o seu traballo leve o recoñecemento de todos nós.

 A imaxe de Juan Chamorro seleccionada pola revista inglesa nesta ocasión

Podedes seguir o traballo de Juan Chamorro no seu Blog, na súa páxina en Flickr ou na súa galería na rede