Sábado, 29 Nov. 2014

Actualizado09:46:43 PM GMT

Estás en Opinion MeRZ

MeRZ

MeRZ 18

Correo-e Imprimir PDF

 Naqueles tebeos que liamos de nenos, os ladróns sempre levaban un anteface, o que facilitaba moito o traballo dos policías que percorrían e vixiaban as historias e as viñetas. Un entendía, entón, o estendido comentario de que a Garda Civil, era, con diferenza, a mellor policía do mundo, pois non só non había posibilidade de erro, senón que todos os delitos, mais cedo que tarde, tiñan castigo. E os inocentes á súa vida, que a cousa non ía con eles. O mundo estaba marabillosamente estruturado e todo atopaba o seu sitio. Daquela era moi doado o traballo de policía. Moi físico, iso si. Nada mental. Só tiña que correr mais que o delincuente.

MeRZ 17

Correo-e Imprimir PDF

 

Nunha desas conversas intranscendentes que xorden arredor duns viños, o arquitecto Antonio Soliño, amigo desde hai anos e colega nestas páxinas virtuais, propuña a idea de que as artes do tempo, a música e o cine, gustan e atraen mais á grande maioría da xente que as artes do espazo, pintura, escultura ou arquitectura, mais estáticas. É unha afirmación crible, pois esa intuitiva e primaria atracción que os seres humanos, igual que os animais doutras especies, sentimos polo movemento, explica que foran as artes escollidas pola industria do lecer para cubrir a oferta popular e masiva de entretemento. Nas súas representacións, o bo mago adoita distraer, con xestos, comentarios, acenos ou conversas informais, a mirada do público, mentres realiza as súas operacións de escamoteo e troco. Non agocha de todo o seu xogo, mais ben dirixe a atención do ollo aos movementos sen interese. Mais, non hai ilusión se non asumimos o engado, se non aportamos a nosa consciente complicidade. É un mecanismo significativo, pois, o traballo do mago non consiste só en inventar unha nova proposta, senón en artellar todo un aparello de distracción paralelo co que acadar unha boa actuación.  O mesmo sucede coas películas de Alfred Hitchcock, nas que o coidado na trama e a gradual alimentación do suspense fanos esquecer que, as veces, a posta en escena, os decorados e as interpretacións, son esaxeradas ou paródicas. Tanto ten. Nas súas marabillosas conversas con François Truffaut, o mellor libro sobre as engrenaxes do cine na miña modesta opinión, Hitchcock define o Mac Guffin como un cebo ou pretexto, uns documentos secretos, uns planos ou un mineral precioso, que, servindo de motor para o desenvolvemento das accións, fai avanzar a trama da película, e adoita ser, ao final, insignificante e banal.  Na nosa natureza animal, damos en seguir os cebos coa mirada, permitindo que o artista xogue coa nosa percepción, que o mago manipule esas reaccións primarias, directas e intuitivas. Ven a ser o xeito de adestrarnos contra as múltiples posibilidades de engano, de estimular os antídotos necesarios. O bo mago, o gran artista, non son mais que uns adestradores que cultivan a nosa percepción, a nosa mente, a nosa mesma evolución.  Con eles aprendemos a distinguir, e separar, os cebos do mecanismo real. Confrontar as reaccións inmediatas co análise pausado. Mais, nese adestramento, somos nos os que temos que facer un esforzo, pois non hai comunicación nin aprendizaxe sen activar o elemento receptor. Nese ximnasio mental que ven a ser o bo cine, a maxia, ou calquera outra expresión artística de calidade, non nos xogamos nada. Aparentemente. Mais, non é so diversión, entretemento, porque aí fora, na vida real, enfrontámonos, xa en serio, ao artellamento continuo do discurso paralelo, á plural multiplicación das distraccións, ao Mac Guffin institucionalizado.  Desde hai décadas, os medios de formación veñen ofrecendo argumentos que defenden a superior identificación do galego coa súa terra, coa verde paisaxe e as vellas tradicións rurais. Tamén atopamos continuas referencias á superior gastronomía, á calidade da materia prima, ao protagonismo da pedra, á queda presenza dos pazos e mosteiros, ao singular perfil dos cruceiros e hórreos, á candorosa sutileza dos petos de ánimas, ao tan celebrado sentidiño. Vivir como galegos.  Chega con botar unha ollada limpa para decidir que nos enfrontamos a unha distracción como tantas outras. Saudade infusa e paralizante. Patriotismo de opereta. Conformismo disfrazado de autoestima. Publicidade banal para consumo interno. Hai desaparicións inmediatas, mais ou menos previstas, como as que veñen denunciando, nos últimos días, os manifestantes nas portas dese novo banco. Non é mais que unha adiantada versión do vello tocomocho, baseada na pretensiosa impostura do estafador e a avarenta credulidade do estafado. Mais, aínda mais triste e doloroso ven sendo o escamoteo silandeiro, sibilino, espazado no tempo, que se reproduce, día a día, diante dos nosos ollos, coa nosa entusiasta aprobación. Só deste xeito, explicamos o necio desinterese respecto á paisaxe, o patrimonio e o urbanismo, o abafante acoso dos chalés adosados que sofren os antigos pazos, o escamoteo dos intemporais perpiaños das vellas rúas, o agocho dos lastros nalgunhas vías urbanas, a sólida e firme erección de escenarios de cemento para tres días de festa local, a substitución dunha noción de cultura horizontal e integradora por xestos espectaculares, caros e grandilocuentes, o sufocante peso da cantidade sobre a calidade, a populista imposición do humor groseiro sobre a retranca, o continuo demérito institucional do silencio, a rutineira impostura da música prefabricada e enlatada nas festas e romarías, o esquecemento da idea de infraestrutura, ou a percepción do espazo público como un retallo informe e derradeiro do desenvolvemento. A realidade non é so un grupo de palabras, un conxunto de símbolos. Sinala unha relación, dotada de fundamento e sentido, co existente, cos seus agachados mecanismos e procesos, coas pegadas da nosa presenza. A película ten principio e final, e o mago, ao rematar a función, amosa a pomba desaparecida. Por iso chamámoslle ficción. Mais, a nosa realidade está chea de palabras ocas, baleiras, insubstanciais e altisonantes, que distraen do escamoteo perpetuo, que agochan o troco definitivo.  Galicia Calidade  Só temos que percorrer, e comparar, as vilas enfrontadas que, tanto do lado portugués como do noso, asoman ao Miño, para achegarse ao significado real de palabras ou conceptos como respecto, que non devoción, á paisaxe e aos edificios emblemáticos, modernidade integrada na tradición, arquitectura de autor, urbanismo, sentido contrastado da rehabilitación arquitectónica, sabio acondicionamento dos espazos públicos ou prudente uso dos moi limitados recursos. Aceptade comigo que os cartos rápidos non só nubran a vista senón que cegan o sentidiño. Sentidiño é a palabra que os galegos temos para definir a cultura, esa incomprensible necesidade, difusa, plástica e aparentemente inútil, do ser humano. Podemos dicir, como mínimo, que, aquí, non medrou do mesmo xeito que os cartos. Iso se, noutros tempos, significou algo mais que unha mensaxe publicitaria, un aceno de distracción, un discurso para nenos, un vello e insignificante Mc Guffin.  Para o poeta Jorge Riechmann, o realismo ven a ser: escribir o que somos / o que non somos / o que houbéramos sido / o que endexamais seremos / o que poderíamos ser.  Non aturo as películas de Steven Spielberg. Coido que é un grande simplificador que,  en cada un dos seus traballos, procura acadar os mais altos cumes do infantilismo mental. Para el, o ben e o mal atópanse perfectamente delimitados e definidos, sen que a mente do espectador teña que facer algún esforzo. Os bos fan o ben desde a primeira secuencia. Os malos son moi malos todo o tempo que dura a película. Non hai vestixio de ambigüidade, de contradición interna, de movemento dialéctico. Desde O diaño sobre rodas, pasando pola húmida A cor púrpura, o mollado suspense de Tiburón, ou a maniquea falsidade de A lista de Schindler, Spielberg sinálanos sempre cando temos que rir, chorar ou pasar medo, resaltando, sen matices, as emocións que corresponden nese mesmo intre. Unhas emocións que veñen marcadas, como os naipes dunha baralla amañada. Sentados na butaca do cine, sentímonos como nenos sen conciencia, sen xuízo, sen responsabilidade. Todo queda a súa elección, ao seu arbitrio moral. Súas son a arte e a parte, a proposta e o xuízo final. Xa lle gustaría parecerse ao seu amado Hitchcock, do que tanto fala. Xustificar un produto mediocre ao abeiro dun grande mestre é unha vella táctica da industria, dirixida a ese novo público que non coñece ou non se interesa por establecer as comparacións. El sabe ben das súas limitacións, e por iso, no seu discurso promocional, remítese á suposta inocencia da mirada infantil, xustificándose nunha idea de ficción, nun entretemento. Ai!, todo é ficción e entretemento, si, mais existen graos de complexidade, de fonda conmoción, nesa interacción que mantemos coa realidade. A estas alturas, xa sabemos que hai moitos niveis de diversión, pois o xogo e o pasatempo non están enfrontados á reflexión, ao goce de certa inquietude, á proposta de novas contradicións. Diso, dun divertimento intelixente que nos fai adultos, sabía algo o vello Hitchcock, que non precisaba de coartadas infantís. Spielberg, ese mago mediocre, adulado polos medios de comunicación e a industria do lecer, ven a ser o rei do cretinismo inducido, desa abdución terrícola que tenta fabricar, en serie, uniformes consumidores sen criterio.

MeRZ 16

Correo-e Imprimir PDF

Só me puxen unha gravata dúas veces na vida, na miña primeira comuñón e no servizo militar obrigatorio. As dúas por imperativo social e, como tal, así quedaron oficialmente rexistradas nunhas pequenas fotografías que, coido, garda miña nai. E nas dúas ocasións, a gravata era de pega, desas que veñen cunha gomiña elástica. A verdade é que, co tempo, un vai escollendo e definindo o xeito de suicidarse, cousa, no fondo, moi persoal. E o aforcamento non é o meu. Demasiado físico e rechamante. E, ademais, co abafante peso dunha longa tradición. Non. Temos que procurar unha boa relación entre fondo e forma. Unha confluencia entre a personalidade do suicida e a técnica empregada. Nada de copiar por copiar. Estou en contra dos suicidios por imitación, dos que seguen unha moda, os que negan a singularidade, dos que manteñen unha suposta tradición tribal. Temos que aceptar, xa dunha vez, a modernidade. A min gústanme os sistemas mais etéreos e vaporosos. Silenciosos e recollidos. Sen sangue nin berros. Sen doado vitimismo. Debe ser cousa do pudor, falta de autoestima, ou mesmo de preguiza. Non sei. Doutores teñen as igrexas da psiquiatría, a psicoloxía ou da psicanálise. Que falen eles. A cuestión é que, daqueles medios de libre disposición, prefiro o cálido monóxido de carbono, malia que non é barato producilo e, ademais, nada bo para o medio ambiente, aínda que nos derradeiros intres, supoño, os cartos e a contaminación ambiental deixan de ser unha prioridade. Seica vou ter un gran problema co novo automóbil eléctrico, aínda que os malos resultados das últimas conversas de Durban, e as negativas, por parte dalgúns países, de asinar os protocolos de Kioto, suxiren décadas de esperanza.

As Autoridades Sanitarias advirten que os compoñentes deste kit só prexudican gravemente a súa saúde.

Ah! O Nadal!. Un queríase achegar aos aspectos sociais da vestimenta, á redundante uniformidade dos uniformes, e remata falando do suicidio. A verdade é que o Nadal, ou mais ben, o posnadal, ven a ser un tempo dual, extremo, polar. Na corpulenta imaxe de Santa Claus, só ves quilos de colesterol. En poucos minutos, arrolados polas panxoliñas, precipitámonos desde as estreladas cumes da felicidade inesgotable ao abismo mais escuro e pesimista. Non sei. Coido que son os recendos do grande trauma infantil de descubrir a verdadeira identidade dos Reis. O que explicaría, tamén, o reducido sentimento monárquico deste pais. Mais iso é outro tema. Censurado.

As Autoridades Sanitarias advirten que os compoñentes deste kit poden matar.

Se agora, no noso tempo, resúltanos arrepiante a imaxe dun terrorista cunha bomba no peito, non deberíamos esquecer aos protagonistas do santoral católico. Leede as Vidas dos Santos. Ou, mellor, as súas mortes. Edificante. Nunha ruda comparación, os escritos do Divino Marqués pertencen á categoría da literatura para nenos. Mais, estas son as excepcións, moi festexadas, do martirio e o suicidio por honra. Pois a regra histórica evidencia a prolongada condena ou rexeitamento do suicidio polos poderes e institucións sociais, amosándoo como froito do egoísmo, a traizón, ou mesmo, no Estado Sanitario actual, como unha proba de tolemia. Tanto ten que sexan institucións autoritarias ou democráticas, de dereitas ou esquerdas, relixiosas ou laicas. Só está ben visto suicidarse en grupo, dun xeito rápido e barato, polos efectos colaterais dunha boa guerra, de fame nos países de moita calor, ou, moito mais lentamente, pola contaminación, o burato de ozono, o quentamento global e todas esas cousas das que falaba Al Gore.

As Autoridades Sanitarias advirten que os compoñentes deste kit poden prexudicar gravemente a saúde do feto.

Fagamos un esforzo democrático e rexeitemos vellos prexuízos de clase, etnia ou relixión. Na pudorosa intimidade do fogar ou guindándose, na hora punta, do mais alto dun rañaceos construído sen licenza, o suicidio amosaríase como unha afirmación de teimuda autonomía, unha expresión transcendente da identidade, unha interpretación crítica da vida, unha forma singular da diversidade. Nada disto é novo, pois, desde Cleopatra ata o bonzo budista, enchoupado de gasolina, o suicidio contén unhas dimensións estéticas e expresivas que posúen a densidade e o sentido dunha verdadeira linguaxe. A novelista inglesa Virxinia Woolf encheuse os petos con pedras e camiñou baixo as augas dun río, mentres que a poeta arxentina Alfonsina Storni, di a canción, preferiu mergullarse cos peixes e as cunchas do Mar del Plata. A auga como fonte de vida e medio de purificación. Só os grandes poetas, coñecedores, de primeira man, das ambigüidades e arcanos da poesía, poden suicidarse dese xeito. Non esquezamos que a meirande parte da xente non adoita facer uso da súa imaxinación, e menos nesas circunstancias. Porque os suicidios creativos son minoritarios. Un bo suicidio é unha arte, unha derradeira e abraiante performance, unha innovadora composición de ocasión, medios, tempo e lugar que crea escola. Desde esa perspectiva, temos que aceptar que non todo o mundo ten alma de artista. O xenio e o talento non son democráticos. Endexamais o foron. Esa é a dolorosa verdade, e, tamén, porque non?, miremos o lado bo, unha excelente razón para suicidarse.

As Autoridades Sanitarias garanten que os compoñentes deste kit pasaron todos os controis e probas de calidade, seguridade e resistencia.

O kit individual de solucións ao suicidio, ou KISS, por iso de simplificar, ofrece un equipamento básico que facilita a propia morte en calquera situación e lugar. As ganas veñen cando veñen. KISS ven a cubrir ese oco, esa necesidade. Trátase de favorecer un tránsito digno a todo aquel que sinta o impulso, que arrastre unha irresistible vocación. Esa é a premisa fundamental de KISS. A súa función básica. Rigorosamente democrática. Como resultado de moitos anos de investigación, KISS preséntase nun estoxo de calidade, persoal e intransferible, que o usuario pode levar sempre consigo. Un obxecto das dimensións, pouco mais ou menos, dun teléfono móbil, producido en serie con todas as garantías, cun deseño funcional e atractivo que permite unha distribución ampla e barata en todas as capas da poboación. No interior atopamos unha extensa mostra de pílulas e xaropes, cadanseu co seu prospecto, indicando o fármaco, os tempos, as doses e as contraindicacións. Sen letra pequena. Unha correcta información é imprescindible nun produto destas características, pois non hai nada peor que un suicida frustrado. E coas novas xeracións de avogados, sempre dispostos a esixir responsabilidades, todo erro ou defecto págase moi caro. Por iso, as instrucións de uso, ben acompañadas de gráficos, ofrécense en varias linguas, mesmo respectando as variedades e dialectos locais, e rexeitando o modelo de instrucións dos electrodomésticos que só veñen en árabe, chino e inglés, ademais de confusos e mal traducidos. Engadimos, tamén, unha corda resistente, dun longo axeitado á altura dos pequenos apartamentos actuais, unha mangueira de goma adaptada a todo tubo de escape, unha boa navalla barbeira, un cable eléctrico de alta voltaxe, cun enchufe macho estándar, e ben peladiño no outro extremo, unha bolsa de plástico de El Corte Inglés da máxima resistencia, cunha goma ou adhesivo que axusta ben ao pescozo, e unhas esposas que impidan o sempre incómodo arrepentimento provisional. Rexeitamos as bolsas do Froiz porque teñen uns buraquiños disimulados no fondo, ademais dun baixo orzamento publicitario. KISS inclúe tamén un mapa coas vías, percorridos e horarios dos trens, que nalgunhas grandes cidades substitúese por un sinxelo plano do metro. Este equipamento, cheo de solucións para unha morte rápida e indolora a prezos populares, atoparíase incompleto sen o universal bolígrafo-pistola, coa potencia e calibre precisos para que, introducido pola boca ou o nariz, suicide, de contado, ao usuario, sen emporcallar moito as paredes. Non esquezamos que, coas lóxicas excepcións, o suicida non desexa molestar a ninguén, e menos á súa familia. A familia é o primeiro, a unidade primordial dunha civilización que mereza tal nome. Sábeno ben os vellos, minusválidos e parados deste país. E o derradeiro xesto do suicida, o seu berro crítico e inconformista, posúe un sentido, existencial e abstracto, dirixido ao conxunto da sociedade, a ese burato negro do universo.

Todo aquel medio que implique un suicidio pracenteiro e espazado no tempo, non é obxecto das funcións e prioridades deste kit.

Normal. KISS é un produto imprescindible, promovido pola empresa privada, pensado para gañar cartos a esgalla, que conta con axudas e subvencións a fondo perdido do Estado, as Comunidades Autónomas e a Unión Europea. Se mal asumimos os recortes na sanidade e no ensino, non podemos aceptar o financiamento institucional daqueles padais exquisitos que procuran o goce dun suicidio lento. Non dan as contas. O que desexe matarse con grandes ceas e orxías, fornicando sen protección con todo o que se move, bebendo ríos dun exclusivo whisky de malte, ou fumando como Santiago Carrillo, que pague do seu peto. Penso o mesmo das pracenteiras sustancias ilegais, esnifadas, inxectadas ou inhaladas, que, digan o que digan, non adoitan matar dun xeito significativo. Debe ser cousa da adulteración. O certo é que o Estado do Benestar non pode sufragar, e moito menos agora, os modelos La Grande Bouffe a longo prazo. Para iso xa temos os amplos e xenerosos investimentos en contaminación ambiental, aínda pouco coñecidos e divulgados. A obriga dun estado democrático é defender uns mínimos estándares públicos de axuda ao suicidio, pensando, tamén, nesa parte da poboación que cubre o seu lecer nos centros comerciais, pasa as súas vacacións en Punta Cana, aliméntase de comida lixo no McDonalds, Burger King ou Telepizza, e segue de cotío as tristes vicisitudes de Cayetana ou Belén Estéban nos programas do corazón. Non todos pertencemos a unha clase política onde non existe o paro, nin recibimos pensións de ex-cónxuxes, ex-ministros, ou mesmo, ex-presidentes, que, ademais, atopan traballo por horas en Gas Natural ou no imperio mediático de Murdoch. Non todos casamos con princesas, reais ou bastardas, pois non hai tantas, malia os esforzos do noso xeneroso rei, que fixo todo o que estivo na súa man, é un dicir, para estimular a produción das segundas. Para rematar, non todos mantemos proveitosas fundacións sen ánimo de lucro, nin somos financeiros xenerosamente prexubilados como José Luis Mendez ou José Luis Pego. Iso si, nun xesto coherente, deberíamos aumentar, ao máximo, a fiscalidade das herdanzas, pois a actual redución ou anulación do imposto de sucesións, ademais de promover a fraude, é dicir, o suicidio aparente dos proxenitores, é contraria ao verdadeiro espírito liberal, beneficia ás clases mais favorecidas economicamente, racha coa igualdade de orixe, e promove, ao final, unha oligarquía de sangue, preguizosa, non produtiva e afín ao sector financeiro, que non adoita suicidarse. Non. Estas minorías non se suicidan. As veces me pregunto porqué. Que é o que facemos mal?

MeRZ 15

Correo-e Imprimir PDF

 

O rápido desenvolvemento destas últimas décadas acadou, en moitos aspectos, unha caricatura do que entendemos por progreso material, permitindo que algúns excelentes logros de tempos pasados fosen substituídos por sucedáneos que anulan, baixo unha aparencia de novidade, moitos das súas virtudes, encantos e valores. A mesma inconsciencia coa que permitimos tal destrución impídenos recoñecer os esforzos que algunhas persoas, sen pensar no beneficio dos cartos ou doutra recompensa material, fan por manter, nunha poética mestura de teima e paixón, aquelas cousas nas que cren e que, dalgún xeito, desexan compartir cos seus veciños e concidadáns. Ai!, mais os seres humanos temos o triste defecto de valorar as persoas ou as cousas só cando desaparecen. Só nese intre as botamos en falta, cando se manifesta abertamente a súa ausencia. Tanto ten, porque para iso editamos todos eses bonitos libros de vellas fotos que tanto éxito teñen, nos que gozamos da melancolía e a nostalxia da perda.  Non sei se, en todo o pais, queda aberta algunha vella sala de cine das de antes. Xa non se valora a maxia dunha sala escura dominada pola escintilante presenza dunha gran pantalla. Un espazo no que, paradoxalmente, sentímonos illados mentres nos atopamos arroupados nunha pequena comunidade. Aínda asumindo que a meirande parte do cine actual realízase pensando no pequeno formato, aceptemos a imposibilidade real de gozar, na súa expresión total, dalgunhas excelentes películas na reducida pantalla dun minicine, no televisor de plasma familiar, sen falar xa do ordenador. Perdemos moitas cousas nesa simple redución da escala. Ver unha película non é só enfrontarse a unha sucesión de imaxes en movemento que configuran unha historia, senón crear un lugar, establecer un espazo axeitado que estimule o imprescindible aspecto receptor de toda comunicación. Con todo isto quero dicir que, nun contexto mais culto, mais consciente de si mesmo e de traxectoria democrática mais adiantada, o vello cine Imperial de A Ramallosa debería ser un motivo de orgullo para os seus concidadáns. Mais aquí non é así. Aqueles que esquecen e ignoran, na súa mentalidade de escravos sen criterio, merecen ser alimentados cos mais baixos sucedáneos. Así sucede, e ninguén pode discutir nin lamentar esa radical xustiza. Todo o que ocorre, ocorre necesariamente (Arthur Schopenhauer)  No cine de Latino estamos seguros de atopar, a verdadeiros prezos populares, as mellores películas do ano, premiadas en festivais e recomendadas, unha e outra vez, pola crítica especializada, nunha programación que corresponde mais a unha selección previa, case de arte e ensaio, que a esas propostas  convencionais que, impostas pola coacción das distribuidoras, mestura produtos banais con algunha que outra película de calidade. Non é tanto unha cuestión de gusto, ladaíña prefabricada sobre a que escribín nalgunha ocasión, como o desenvolvemento e madurez dese gusto ou criterio. Por todas estas razóns quero, desde aquí, manifestar o meu recoñecemento a Latino Salgueiro, que está a pasar polas vicisitudes dunha idade moi avanzada, e, tamén, á filla que tenta seguir e continuar os soños do seu pai. Para ámbolos dous, meu sincero agradecemento polas memorables horas que vivín no seu cine.  A liberdade é a possibilidade do isolamento. És livre se podes afastar-te dos homens, sem que te obrigue a procurá-los a necessidade do dinheiro, ou a necessidade gregária, ou o amor, ou a glória, ou a curiosidade, que no silêncio e na solidào nào podem ter alimento. Se te é impossível viver só, nasceste escravo. Podes ter todas as grandezas do espírito, todas da alma: és um escravo nobre, ou um servo inteligente: nào és livre. (...) Ai de ti, porém, se a opressào da vida, ela própria, te força a seres escravo. Ai de ti, se, tendo nascido liberto, capaz de te bastares e de te separares, a penúria te força a conviveres. Essa, sim, é a tua tragédia, e a que trazes contigo. (...) Fecho, cansado, as portas das minhas janelas, excluo o mundo e um momento tenho a liberdade. Amanhà voltarei a ser escravo; porém agora, só, sem necessidade de ninguém, receoso apenas que alguma voz ou presença venha interromper-me, tenho a minha pequena liberdade, os meus momentos de excelsis. (Fernando Pessoa. Livro do Desassossego)    O domingo 18 de decembro fun ao cine de Latino para ver Melancolía, a última película de Lars von Trier. A verdade é que non podo imaxinar a súa proxección nunha pequena pantalla, pois ven a ser desas películas que precisan dun gran escenario, co espectador integrado, dentro dela. Ao final, as oito persoas que, enfrontándose á fría noite, acudiran a xeito de pequena comuñón, saíron en reflexivo silencio, ou falando en voz moi baixa, conscientes de asistires, á marxe de calquera gusto subxectivo, a un acontecemento especial. Pois, nunha sobria reflexión de case dúas horas, o director dinamarqués lévanos, pouco a pouco, e case sen decatarnos, a preguntarnos pola nosa existencia, ese puro e finito produto da continxencia, improbable segundo as leis da física e resultado de moitos e cegos azares. Melancolía, como toda gran arte, apunta directamente as grandes preguntas e fondas emocións de todo ser humano. Non falo de emocións primarias, nin de suspenses gratuítos, pois esta non é a tópica película americana de catástrofes. A derradeira conflagración coa que remata a película, e a existencia terrestre, amósase xa nos primeiros minutos, antes do único crédito cos nomes da película e o autor, nunha lenta sucesión de poderosas imaxes que preparan emocionalmente ao espectador para o que vai ver despois. Melancolía é unha obra mestra do cine, chea de homenaxes, que fala do home de todos os tempos e culturas, da súa infinita soidade, da súa lacerante angustia. Mais non é unha película triste, pois o espectador sae do cine a soas consigo mesmo, consciente da indecente vida da que nos dotamos e que non sabemos mellorar nin superar. Melancolía ven a ser un compendio do coñecemento, unha síntese total que define o punto exacto onde coinciden a ciencia, as artes, a filosofía e a relixión. Como o gran poema visual que é, non poderíamos contala con palabras, pois estas non poden reflectir a rica e complexa narratividade da mesma imaxe. A historia é convencional, o guión escaso, o escenario básico e o reparto curto. Menos é mais, dicía outro gran mestre, o arquitecto Mies van der Rohe. Co insistente fondo musical de Tristán e Isolda, a ópera de Richard Wagner, Melancolía amósanos, na súa singular versión do Paraíso Perdido, a futilidade de todo soño que non contemple a súa fin, a inconsciente acumulación de riquezas materiais que distraen do coñecemento, a racional necesidade da maxia para aplacar a angustia, a imposibilidade da ciencia para opoñerse ás grandes hecatombes. No ano do gran tsunami xaponés, Melancolía é un golpe nos  estómagos do positivismo científico, a transcendencia humana, do necio e rudo utilitarismo, ou do mesmo antropocentrismo. Xirando arredor de dúas actrices principais, dúas irmáns na película, Justine e Claire, e dividindo o relato en dúas partes, no que semella un incompleto aceno  ao relativista  Cuarteto de Lawrence Durrell, a feble narración, estruturada dun xeito dual, nunha sucesión de oposicións que encaixan como bonecas rusas, acumula marabillosas imaxes que lembran milenarismos medievais en clave científica. Mais non é, tampouco, ciencia ficción, aínda que non podemos vela sen pensar na odisea espacial de Kubrick, coa que mantén, no seu escepticismo tecnolóxico e no seu pesimismo activo, mais parentescos conceptuais que formais. Nunha significativa secuencia que ilustra o pensamento do autor, Justine retírase do convite da súa voda e, pechándose na biblioteca, substitúe as reproducións de arte suprematista e construtivista pola imaxe dos leñadores camiñando na neve que pintara Brueghel. O conxunto das imaxes da película configuran unha peculiar homenaxe á gran tradición pictórica europea, deleitándose, na segunda parte, no dramático claroscuro do Romanticismo alemán, expresión plástica dun sentimento do sublime perante a natureza. Pura sinerxía de fondo e forma. Fascinante é a imaxe que recolle as dúas lúas paralelas reflectíndose no mar e producindo sombras opostas nas recortadas sebes do xardín barroco. Desacougante, tamén, esa danza macabra do planeta que, no seu camiño cara á destrución total,  semella, as veces, afastarse e pasar de lado, nuns brincos e fintas que xogan coas esperanzas e ansiedades humanas, mentres nega toda traxectoria ideal, toda previsión científica. Non se pode dicir que Lars von Trier non toma partido. Na pantalla, os espectadores percibimos mellor a ameaza do planeta desde un primitivo enxeño, un pau e un arame, que observándoa polo moderno telescopio dixital, que só sirve de distracción, de confiada escusa, de engano aos sentidos. Lars von Trier é unha rara avis, un heterodoxo que constrúe o seu pensamento con imaxes. Bendita sexa a súa conciencia, o seu pesimismo radical, pois, con el, sabemos que non hai tecnoloxía que poida retrasar o final dun universo finito, nin un heroe americano que, no derradeiro intre, impida o exterminio. Mesmo, se interpretamos a grande colisión como unha metáfora do afundimento e desaparición dunha sociedade moralmente enferma, temos que aceptar que ese heroe americano non é só parte ou efecto, senón causa e orixe. Esa ven a ser unha das moitas diferenzas entre un produto de consumo, cheo de efectos especiais e ideoloxicamente predeterminado, e unha excelsa obra de arte que nada contra a corrente. Esa é, tamén, unha das razóns que explican  a presenza de só oito persoas no cine de Latino esa fría noite. O que os físicos chaman materia escura, aínda descoñecida na súa estrutura e composición, enche o 95% do universo.  Así estamos e así seguiremos mentres teñamos a casa quente e o estómago cheo. Que dure moito tempo. Aínda que, se non meditamos a nosa existencia cando temos cubertas as necesidades primarias, non imos facelo no intre de loitar pola simple supervivencia. Estar vivos: algo que nos sucede / entre a costume e a milagre / A milagre / non debe traizoar á costume / A costume / non debería esquecerse da milagre (Jorge Riechmann)   Pois cando o vello sabio sinala algo co dedo, a estúpida multitude olla ao dedo. Neste contexto redutor e conformista, benvida sexa unha boa labazada ben fundamentada, unha proveitosa dose de pesimismo. Grazas Lars von Trier. Grazas por manter o dedo ben alzado. 

MeRZ 14

Correo-e Imprimir PDF

 A ilustración é unha imaxe que pensamos e construímos para acompañar un texto. Das moitas posibles, qué imaxe queremos e porqué.  Eu traballo debuxando, recortando e pegando. Desde sempre, a colaxe é un medio no que me sinto cómodo e feliz, permitíndome, ademais, evolucionar libro a libro. Nestes tempos de marabillosa incerteza, sumidos en fondas e veloces transformacións que están a influír, dun xeito decisivo e concluínte, no futuro da nosa especie, e, polo tanto, deste planeta que ten a ben acollernos, un neno ten unha información visual  a anos-luz da que tiveron as xeracións dos seus maiores. Descompoñer unha imaxe, e recortar e pegar unha colaxe é o xeito mais sinxelo de facelo, amósase como unha excelente e entretida solución para desenvolver o sentido crítico do neno perante as grandes cantidades de imaxes que vai a consumir o resto da súa vida. Os nenos aceptan moi ben este xogo conceptual, aínda mellor, as veces, que os mesmos adultos, que, menos flexibles e mergullados nunha doada inercia, adoitan proxectar, na propia lóxica da educación, os seus gustos e criterios sobre as decisións infantís. Por iso, é imprescindible que o neno, canto antes,  poida crear antídotos, rachando con encadres e marcos mentais e posibilitando o seu acceso a diversos modos e niveis de expresión. Cantas mais opcións visuais teña, mellor. Porque toda descomposición da forma, tanto nunha soa imaxe, unha colaxe, por exemplo, como amosada nunha ampla e diversa oferta de representacións que suxiran as múltiples posibilidades, ven sempre a debuxar a equidistancia que toda imaxe mantén respecto da realidade, negando, na imperfección das súas costuras e límites, esa inmediata, e interesada, substitución simbólica do real que algunhas representacións procuran. Nese sentido, fuxir da tiranía da imaxe uniforme, estereotipada, banal ou bonita, é unha urxente necesidade, da que son máximos responsables os ilustradores, os editores, os pais e os mestres.  Hai tempo que sabemos que a forma principal de adaptación biolóxica da especie humana é a cultura, non a anatomía.   A información non se refire tanto ao que se di como ao que se podería dicir, pois a información é a medida da nosa liberdade de opcións na selección dunha mensaxe. (...) A información basease en elementos de redundancia. A redundancia introduce orde e previsibilidade no discurso. Introducindo previsibilidade gañamos obviedade. O significado faise preciso, pero tamén aburrido, sen luminosidade. Poderíamos dicir que a comunicación mais cargada de información é aquela que menos segue as leis da redundancia. (...)  Agora ben, indeterminación e ambigüidade non queren dicir desorde en estado puro, senón unha orde que non é o da redundancia habitual. (...)  Un anaco de información, á fin de contribuír á información xeral da comunidade, debe dicir algo esencialmente distinto ao patrimonio de información dispoñible nesa comunidade (Umberto Eco).   Nun dos relatos que atopamos en Ficciones, Jorge Luis Borges describe unha civilización onde os libros son distintos aos nosos. Os de ficción abranguen un só argumento, con todas as permutacións imaxinables. Os de natureza filosófica conteñen, sempre, a tese e a antítese, os rigorosos pros e contras dunha doutrina. Un libro que non contén o seu contralibro é considerado incompleto.  Coido que, por enriba dos dereitos dos pais a educar aos seus fillos nun credo relixioso que adoita marcar, dun xeito irreversible, o seu futuro, está o dereito dos fillos a escoller, na adolescencia ou na vida adulta, nunha decisión madura e libre, entre as propostas ideolóxicas, relixiosas ou non, que desexen.  O retórico argumento do suposto dereito dos pais, rexeitado pola mesma Igrexa Católica nos tempos nos que o seu poder era oficial e absoluto, ven a ser unha rendible estratexia, a curto e longo prazo, que mantén a inercia confesional e permítelle utilizar a idea dunha maioría nominal para afianzar o abafante predominio do catolicismo.  A distinción entre esa maioría nominal que define ao conxunto rexistrado de todos os cidadáns que, crentes ou non, foron bautizados na súa nenez, e unha maioría efectiva que só abrangue aqueles que, dun xeito regular e activo, seguen os rituais e apoian á súa confesión, é reprimida ou silenciada, dun xeito frecuente, pola xerarquía católica e os medios de comunicación. Desconfiade dos que len un só libro (Giacomo Casanova).  En 1955, o actor británico Charles Laughton dirixiu á súa primeira e derradeira película, A noite do cazador, que acadou un estrepitoso fracaso. Baseada na excelente novela homónima de Davis Grubb, publicada dous anos antes, foi recuperada, décadas despois, como película de culto. As súas exquisitas imaxes expresionistas en branco e negro conteñen, baixo unha atmosfera densa e angustiosa, unha fermosísima e rara mestura de perverso conto infantil, fábula aterradora, crítica á hipocrisía relixiosa, viaxe onírica e novela negra de suspense, onde asistimos á prolongada persecución de dous pequenos irmáns por parte dun falso predicador. Os nenos o soportan todo.   A moda infantil move, no conxunto do estado, 1.100 millóns de euros ao ano (Telexornal estatal, 3-7-2011).  Desde a infancia, enfrontámonos ao  impulso dunha actitude gregaria que, disfrazada de opción persoal, responde a ese paradoxo publicitario polo que estimulas a túa individualidade cando mercas bens de produción masiva, xa sexa roupa, automóbiles, xoguetes, bebidas, viaxes de turismo, películas ou hamburguesas. Perante as tácticas promocionais e indutoras de consumo todos volvamos á infancia. Que veñen os Reis! Pois esa idea emocional e primaria da vivencia subxectiva, ese conxunto desartellado de efémeros presentes, na súa imaxe mais leda e banalizada, ven a ser o fundamento dun agresivo discurso publicitario que tenta desenvolver un consenso acrítico e conformista, impoñendo, nunha inversión absurda da ecuación e mediante prácticas monopolistas e coactivas, o despregue da oferta sobre a submisión da demanda.  Unha oferta que anticipa e dirixe os desexos e criterios do consumidor, xa sexa neno ou adulto, adiantándose á lenta procura e construción, por parte do suxeito, dunha cultura activa do ocio inspirada na racionalidade e a curiosidade, nas súas inquietudes e demandas reais, na invención, uso e goce do seu tempo libre.  Nalgúns países europeos, caso de Dinamarca, hai lexislacións que prohiben a publicidade dirixida aos nenos menores de doce anos. Penso que é unha regra xustificada, xa que non aceptamos que sexan suxeitos políticos nin teñan unha total responsabilidade social ata cumprir a maioría de idade.

Posdata. Lectores competentes e ben informados, coincidiron en sinalar un erro no meu texto de novembro, pois atribuín, sen nomealo, a Xosé María Caneda, ex presidente da Sociedade Deportiva Compostela, club de fútbol que tivo o seu momento de gloria na Primeira División, a invención da fermosa, sutil e evocadora palabra ostentóreo, cando o mérito corresponde ao extinto Jesús Gil y Gil. Teñen razón. Como ben sabedes, nas artes, como na vida,  sucédense gloriosos períodos e situacións de acougo, o que explica a memorable aparición, nos medios de comunicación daquela, de tres inesquecibles persoeiros, restos da estirpe dos grandes dinosauros, vitais creadores de novos e resplandecentes conceptos que, debido á unha elitista, torpe e miope idea da cultura, non pasaron á inmortalidade dos dicionarios. Outro galo cantaría se o inventor asinase co nome de Paco Umbral, Manuel Vicent ou o noso Manolo Rivas. En todo caso, refírome ao propio Gil y Gil, ao mesmo Caneda, e á sempre infravalorada e xenial Sofía Mazagatos, autores, os tres, de luminosos achados formais e conceptuais, marabillosas e escintilantes voces que amosan, dun xeito claro e concluínte, un fondo coñecemento dos fundamentos de dadá, do surrealismo, o estruturalismo e outras vangardas históricas e lingüísticas. Tedes que perdoar, tamén, a miña falta de memoria, e de internet, que, neste intre, non me permite ofrecer outros didácticos exemplos. De todos os xeitos, coido que, a pouco que procuredes, atoparedes ducias de estimulantes achados que definiron unha época e cambiaron a nosa relación coa realidade.

 

JPAGE_CURRENT_OF_TOTAL