Venres, 17 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Fran Alonso presenta o seu último libro de poemas

Fran Alonso presenta o seu último libro de poemas

Correo-e Imprimir PDF
fran alonso

Este venres 10 de febreiro, ás 20 horas, terá lugar na librería viguesa Librouro a presentación do último libro de poemas do escritor miñorán Fran Alonso, Transición, publicada pola editorial ourensá Franouren.

O acto será presentado polo director da editorial Franouren, que publicou o libro, e a continuación dará paso a un recital poético a dúas voces, a cargo de Fran Alonso e María Lado.

O propio libro contén un CD onde ambos os dous recitan algúns dos poemas incluídos. A poeta María Lado é, ademais, autora do limiar de Transición. Durante o recital, poñerán voz a poemas como "Vivo non vivo", que fala da violencia de xénero, ou "Abismo Vigo", un poema que Fran Alonso escribiu para os actos de celebración dos 25 anos do Parlamento Galego.

Poemas con vistas a Vigo

Ao abrigo de Transición amarran poemas que erguen a voz e loitan, versos que non esquecen nin un só nome, poemas de sombras, de fuel; pero tamén poemas que xogan a ser música, que desfán as sílabas en compases, xogo que Fran Alonso domina con delicia, e tamén poemas onde o lector percorre a casa, os ruídos das portas dos veciños, poemas con vistas a ese Vigo que se deita como un animal adormecido. Transición é un libro de moitas caras pero, sobre todo, de moitas falas.

É para ler en pé no cuarto ou sentado baixo as sombras dunha tarde no xardín, pide chegar coma un fío recitado para os amigos fronte ao mar, para o amante no leito, para os condutores dos vitrasas, para as mulleres que berran os nomes dos peixes nas prazas.

MARÍA LADO


Transción

Saída:decembro 2011.
Poesía Maldoror,nº3.

Libro con solapa: 19x14,106 páx.

CD incluído

Prezo:19,76€

ISBN 978 84&939582 0 6