Venres, 3 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Cultura Manuel Sendón afondará no eido da fotografía nunha nova TERTULIA do IEM

Manuel Sendón afondará no eido da fotografía nunha nova TERTULIA do IEM

Correo-e Imprimir PDF
manuel sendon

O vindeiro venres 7 de marzo ás 20:30 horas, o fotógrafo Manuel Sendón, será o convidado dunha nova TERTULIA do IEM. No encontro, Sendón fará un repaso pola súa traxectoria e abordará varios aspectos da actualidade no eido da fotografía. A presentación do faladoiro estará a cargo de Juan Chamorro (IEM). O acto terá lugar na Aula de Cultura Ponte de Rosas (Avda. da Feira, 10 baixo, Gondomar).

Manuel Sendón (A Coruña, 1951), é licenciado en Matemáticas e doutor en Belas Artes. Na actualidade exerce como profesor de fotografía da Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Dirixe o Grupo de Investigacións Fotográficas da Universidade de Vigo. Activo fornecedor cultural do país leva adiante varias iniciativas ligadas ao eido da fotografía como o proxecto "Inédito", onde presenta traballos fotográficos non publicados e pretende establecer un diálogo entre artistas emerxentes e artistas xa coñecidos, prestándolles unha especial atención aos novos artistas galegos.
Con Xosé Luis Suárez Canal dirixe o Centro de Estudos Fotográficos e na actualidade traballa no proxecto "Mil Ríos", unha mostra itinerante que está a percorrer Galicia.
Despois do acto aberto ao público en xeral haberá unha cea coa persoa convidada que terá lugar no Pazo da Escola de Mañufe Gondomar á que se poderá asistir facendo a correspondente reserva de praza no teléfono 986 360 575 ou no 680 644 490 ou ben no correo electrónico oficina@minhor , ata o xoves 6 de marzo ás 22 horas.