Domingo, 5 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Canais Economía As protestas contra o "curraliño" das preferentes encheron de pitos e berros a vila de Gondomar.

As protestas contra o "curraliño" das preferentes encheron de pitos e berros a vila de Gondomar.

Correo-e Imprimir PDF

Un grupo próximo a vinte veciños da bisbarra do Val Miñor fixeron un novo acto de protesta ás portas na sede en Gondomar de NovaGaliciaBanco, durante a mañá deste luns. Pitos, bucinas e denuncias a toda voz, alertaron aos viandantes que transitaban las principais rúas da vila. Os afectados reclamaron solucións e responsabilidades ás entidades bancarias que lles venderon as participacións preferentes sen alertalos do "curraliño" no que entraban os seus aforros.

 

Consultados por valminor.info, os veciños manifestaron que ademais das mobilizacións, atópanse coordinando xunto con varias plataformas de afectados a interposición dunha demanda conxunta contra as entidades financeiras, actividade que desenvolverán a través da Asociación de Usuarios de Bancos Cajas y Seguros (ADICAE). Neste marco, vai celebrarse unha reunión informativa, aberta a todo público o vindeiro sábado 24 ás 11h. da mañá no Casino de Baiona. Na xuntanza participará a Plataforma de Afectados de Moaña.

Medidas en curso

Ademais do adiantado polos veciños da plataforma do Val Miñor, fontes de ADICAE, confirmaron a Valminor.info que estanse a desenvolver unha batería de medidas a fin de aportar solucións aos afectados que decidiron agruparse a través da súa asociación. Nese senso, ademais dunha demanda agrupada que pedirá a nulidade dos contratos das participacións preferentes, asinados coas financeiras; ADICAE intentará unha mediación entre os seus socios e as entidades bancarias.

Por outra banda, levarase a cabo accións para cesar os efectos das cláusulas abusivas que aínda rexen na vinculación entre clientes e financeiras. Por último prepáranse reclamacións extraxudiciais a presentar antes os servizos de atención ao cliente desas entidades, así como ante a Comisión Nacional do Mercado de Valores.

Neste marco de actuacións, as fontes de ADICAE manifestaron as dificultades para xuntar a tódalas persoas que padecen o "curraliño", dado que de momento os bancos non facilitan as listas de afectados.