Xoves, 2 Maio. 2024

Actualizado10:50:26 PM GMT

Estás en Val Miñor A campaña a prol dos medios en galego supera as expectativas de recadación

A campaña a prol dos medios en galego supera as expectativas de recadación

Correo-e Imprimir PDF
Imaxe da campaña Vitaminas para o galego

A campaña na que participa Valminor.info conxuntamente a outras cabeceiras a prol dos medios na lingua do país, acaba de lograr o seu primeiro éxito. "Vitaminas para o Galego" conseguiu recadar máis de 4.000 euros a través de Internet en menos dun mes dende a súa presentación.

O obxectivo inicial era recoller 3.300 euros antes do 1 de febreiro. Con 22 días de antelación sobre a data límite, a cantidade aportada polos cidadáns xa supera os 4.000 euros.

As contribucións organizáronse a través da web de mecenado de Verkami, onde se poden seguir facendo achegas. A cambio da súa contribución, os internautas recibirán material de promoción da campaña. Un deles, que aportou 1.000 euros, gozará na súa casa dun concerto do Leo i Arremecaghonacona e cinco quilos de percebes.

Colaboran 13 medios pero está aberto a novos socios

Os medios de comunicación que organizan esta iniciativa queren agradecer o apoio deste músico e dos máis de 100 mecenas que xa contribuíron en liña. Os cartos destinaranse integramente ao financiamento da propia campaña e o resto repartirase entre as cabeceiras que participan en Vitaminas para o Galego.

 Son varios os medios que se unen á campaña como colaboradores.  Radio Nordés (Cadena Ser), Crónicas da Comarca (Arzúa – Melide), a revista de surfwww.surfgz.com, así como Cadernos de Comunicación e Analise e “HERMES&ATENEA” (xornal en galego de deporte e cultura), únense para seguir dando Vitaminas ao galego.

Os organizadores son a rede de emisoras municipais galegas RadiofusiónTempos Novos,Galicia Confidencial (GC), Novas da GalizaVal Miñor InfoPraza PúblicaTerracha Xa, e Que Pasa na Costa. Tamén colaboran na campaña tres xornais comarcais, Crónica 3 da Mariña luguesa, O Sil de Valdeorras e Certo, xornal dixital de Barbanza e Noia. Ademais, están invitados a sumarse todos os medios ou proxectos de medios que publiquen na lingua propia do país.

Segunda fase da campaña

Agora comeza unha segunda fase da campaña, que consistirá na difusión dos obxectivos de Vitaminas para o Galego a través das redes sociais e da organización de relatorios e actos de promoción por toda a xeografía galega.

Entre os obxectivos de "Vitaminas" destaca contribuír á supervivencia dos medios en galego, que nos últimos meses sufriron importantes baixas como, entre outros, Vieiros, A Nosa Terra, A Peneira ou Galicia Hoxe. Asemade, búscase contribuír ao nacemento de novos proxectos informativos en lingua galega.

Máis información na web de Verkami, traducida ao galego por Que Pasa na Costa, un dos medios organizadores da campaña Vitaminas para o galego.